De súpeto Paco converteuse nun escéptico. Confesa que ten por costume ler o horóscopo como primeiro acto para adentrarse no que lle depara a vida social e política do país para ese día ou semana, como tamén é certo que a maioría das veces, ó pasar de páxina, lembra tanto os consellos e prognósticos alí vertidos como as ladaíñas do santo Rosario que tantas veces lle escoitou a súa tía e nunca aprendeu. Mais estoutro día, a rotundidade do prognóstico fíxolle tomar moi en serio a advertencia: No amor terás un encontro fortuíto cunha tipa disposta a manter unha relación sentimental, no traballo vivirás unha ameaza de despido improcedente e na saúde terás un gripazo que durará quince días.
Quedouse o meu amigo co tal augurio, alerta sobre todo a ese encontro fortuíto, que ós seus 45 anos semella un caramelo para un desdentado, cando se parou a pensar que, segundo unha conclusión rápida e lóxica, no mesmo intre, todos os nacidos baixo o signo de Pisces estarían tendo, ou a punto, un encontro fortuíto que lle aportará unha pracenteira relación sentimental, así como unha ameaza de despido inesperado mentres pasan pola farmacia co fin de prever esa gripe que atacará a todos os nacidos entre o 19 de febreiro e o 20 de marzo. Tras esta lóxica conclusión, un cálculo aproximado faille entender que, segundo o horóscopo, ó día seguinte haberá arredor dun doceavo da poboación coa incerteza dunha nova relación sentimental, un doceavo de paisanos baixo a ameaza directa de pasar ó paro e outro tanto de enfermos griposos polo menos. Ante isto, pensa el alarmado, sería lóxico que o goberno tomase medidas urxentes, pois nesa semana aumentará o paro, necesitaranse máis camas no hospital, e dispararanse as demandas de divorcio.
O susto é grande e preocupante se se pensa friamente, pero ó chegar á casa coincidiu no ascensor co descrido mozo que lle dá clases particulares a domicilio ó seu cativo, con quen comentou estes temores; e daquela o profesor tranquilizouno, que de ser así, sería como se ese famoso Boson de Higgs, esa mal chamada partícula de Deus que non se acaba de encontrar, saíse de cada constelación coa mensaxe da divindade para repartir por data de nacemento o ben e o mal entre todos os paisaniños do mundo, coma aquel famoso anxo exterminador; pero, como segundo o mestre de pasantías, as constelacións polas que circula o sol, xa non son doce como eran no tempo dos babilonios, senón trece; se alguén cre aínda no horóscopo, debería saber que o ceo que vemos nada ten que ver coa división que os astrólogos (non confundir cos astrónomos) manteñen desde hai máis de catro mil anos; pois as estrelas non se ven hoxe como se vían na remota antigüidade dos crédulos; e daquela, mirando un simple planisferio que custa cinco euros en calquera papelería, pódese comprobar, por exemplo, que este mes Saxitario rematou o día 7 ou que o seu querido Pisces non empeza ata o 7 de marzo.
Ante tan sumaria explicación Paco descúlpase, que el tampouco cre moito nesas cousas, porque non van estar agora todos os Pisces agardando pola chegada dunha amante portadora dos virus do gripe para todos eles para que logo algún empresario os poña na rúa por infecciosos potenciais.