As actividades desta fin de semana, dirixidas fundamentalmente aos máis novos, darán paso a outros actos da programación abertos a todo o público. A próxima cita co ilustre rianxeiro será o mércores no auditorio de Rianxo coa conferencia do historiador Xusto Beramendi titulada Castelao e o galeguismo.
O groso dos actos dedicados ao intelectual desenvolveranse o venres e sábado. Na primeira destas xornadas, Barbantia presentará o seu suplemento de xaneiro e o libro Poñente, de Pere Torabuela. Nesta cita coa cultura non faltará a música, a cargo de Antón Losada e Iago Hermo e tamén se inaugurará a mostra de Nuco Losada. O sábado, os actos continuarán con charlas, a presentación dun novo libro, unha ofrenda floral, a asemblea da Fundación Castelao e un espectáculo de animación na rúa.