Posuía 14 condecoracións españolas, 17 estranxeiras, 15 doutorados honoris causa por universidades do mundo adiante, autor de 44 libros, ademais doutras distincións e, polas súas ideas liberais naquel franquismo intervencionista -socialista-, foi quen de crear a industria máis importante de España acadando a confianza da inversión estranxeira. Era un mastodonte político por non meterse en barullos corruptos, e quizais a súa mellor empatía estivo coa democracia e a monarquía inglesa.
Acuñou o termo autoidentificación para suavizar o seu antiautonomismo declarado, pero foi agradecido con Beiras por controlar os tentos independentistas violentos galegos. Como presidente do Partido Popular de Galicia e da Xunta non foi especialmente brillante, aínda que, como premiado coa Orde do Mérito Agrícola, tentou levar adiante a necesaria reforma do agro galego, pero pensaría nos antecedentes da Lei de Bases da Reforma Agraria de 1932.
A súa cabeza, chea de Estado, estaba máis en Madrid, considerando que, do mesmo xeito que o noble visigodo Don Pelayo en Covadonga, dende o fogar de Breogán podería reconquistar o espazo político do centro dereita español, como así foi.
A pesares de que algunha vez durmiu a sesta na Pobra do Caramiñal, tampouco era tan proclive coa península barbancesa como coa capital herculina, e xa non digamos coa chaira vilalbesa onde ten estatua e presidía a procesión do san Ramón.
Coido que é moi atinada esta frase de quen foi reitor da universidade compostelán, Darío Villanueva: «Fraga Iribarne bien podría ser calificado como el más político de nuestros intelectuales y el más intelectual de nuestros políticos del momento».
Hai quen di que, dentro dos grandes pensadores dos que bebía o de Vilalba, estaba Carl Schmitt, algo que non me encaixa tanto como Cánovas del Castillo, que dixo: «A liberdade sen unha autoridade forte e honrada, non é liberdade en pouco tempo, senón anarquía».
Pero o máis importante de Don Manuel aínda está sen escribir. Descanse en paz.