Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Eu que sei

La Voz

BARBANZA

27 ene 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

O nobel de economía Paul Krugman di nun artigo que a maioría dos economistas de Washington son partidarios do aforro ou do equilibrio orzamentario porque non saben que é a débeda. En vez de solucionar a crise, estana agravando. O maior erro que cometen é crer que a débeda de Estados Unidos é como a dunha familia con dificultades para pagar unha hipoteca demasiado alta, cando, en realidade, esa débeda é maiormente «diñeiro que nos debemos a nós mesmos» (sic), non a outros países, e conseguindo que aumente máis lentamente que a base impoñible non terán que devolvela. Esa é a razón de que Estados Unidos tivese o maior aumento do nivel de vida da súa historia tras a II Guerra Mundial cunha débeda bastante máis alta que a actual.

O primeiro que pensei ao ler o artigo foi que non paga a pena estar informado. Se entre os expertos en economía hai esa disparidade de criterios, ao común dos cidadáns só nos queda valorar quen ten razón por filias ou fobias ideolóxicas, é dicir, por prexuízos. Aínda así, sigo pensando que é bo ler opinións de expertos sobre temas que non dominas, sempre que sexan variadas e contrapostas e se xulguen cos criterios da túa propia especialidade. No tema da débeda, por exemplo, recorrín a Montaigne, un dos meus filósofos de cabeceira.

Contoume que viviu tres situacións económicas. Na primeira, sen oficio seguro, viviu grazas á axuda de outros, endebedado. Na segunda ganou moitos cartos e aforrou previndo posibles infortunios. Na terceira viviu de forma regular. Facía correr os gastos ao tempo que os ingresos.

Nunca viviu mellor que endebedado. Gastaba alegremente pero os amigos fiábanlle porque sempre se esforzaba por devolver en prazo. A moita xente non lle gusta esa vida por incerta pero é máis incerto o aforro. Como dicía P. Siro, «a fortuna é de vidro, en canto brilla, rompe». A indixencia chega á casa do pobre e do rico, pero é máis incómoda rodeada de riquezas. Está claro. Ten razón Krugman.