Xulio, sempre tan meticuloso cos elementos da cultura, asegúranos que canto máis grande é un museo, máis se aburre; que máis dunha hora nun museo é un sacrificio inútil. E escoitar tal cousa da súa boca déixanos medio pampos. ¿Como pode dicir iso o home que, de todos cantos coñezo, máis museos visitou?; semella unha desas excentricidades dun de tantos falabaratos que hai, e a partir de aí xa empezan no parladoiro as teorías, hipóteses e incluso a crítica museística, de ata onde o amante dos museos é un nostálxico do pasado ou un curioso empedernido, para que debe servir un museo e como deben ser expostas as obras. Pero el volve ó principio e espétanos sen dor que os grandes museos, aínda sendo armados coa mellor das intencións, só son un almacén de obxectos que ninguén pode apreciar debidamente, que a maioría dos visitantes da National Galery ou do Louvre saen coa foto para testificar que viron, pero non que aprenderon. Os grandes museos non son só os que teñen obras de calidade na súa colección, tamén son aqueles que para ver o seu contido necesitas toda unha mañá a paso largo, confundindo autores, épocas, estilos e ata cores.
Tal aseveración mete medo, e entón pregúntanos con toda a frialdade cantos de nós vimos as Meninas coa calma, o detalle e as distintas perspectivas que se necesitan, ou cantos fomos capaces de observar a fina pincelada de Leonardo na Monalisa, dous exemplos de cadros que endexamais se poden ver sen ter diante cabezas, sombreiros, bastóns, aparellos electrónicos e ata o lóstrego dalgún flash, ambientado co murmurio dunha multitude empuxando e descentrando ó máis santo; e sen embargo, vas a un museíño de provincias, ó Belas artes da Coruña ou ó das Clarisas de Monforte, e disfrutas de varias obras do Greco, de esculturas de Gregorio Hernández ou cartóns de Sorolla sen que ninguén che moleste. A iso é ó que se refire Xulio, e aínda propón que, para as obras máis visitadas, debía haber unha sala especial con acceso temporal limitado.
Segundo Xulio, unha das barbaridades culturetas de hoxe en día, é ir a Madrid de museos durante unha ponte con festivo incluído; chegas da viaxe e programas unha visita ó Prado para o día seguinte, outra mañá no Raíña Sofía e o terceiro día ó Tysen. Se alguén nos di que nunha mañá, en tres ou catro horas de camiñada conseguiu ver calquera deles, eu pódolle asegurar que non viu nada, e máis de tres horas nun museo non as aguanta ninguén. E a todo isto, nesta visita de museos a Madrid, de tres ou catro días, volveremos sen ver nin por fóra a fabulosa colección do Arqueolóxico, onde están a dama de Elche e a de Baza, por exemplo, o da Mariña, ou a casa de Sorolla, por citar tres museos imprescindibles.
A solución que nos propón Xulio non sei ata que punto é viable, pero el pensa que facendo rotar as grandes obras por provincias, non só se atraería xente ós pequenos museos, senón que ademais faría que ese patrimonio museístico estivese de verdade ó alcance de todos.