O universo Añón, reunido en dous días dedicados ao poeta

Javier Romero Doniz
JAVIER ROMERO NOIA / LA VOZ

BARBANZA

PACO RODRÍGUEZ

Ferrín, Freixanes e Ramón Villares estarán no congreso do Gaiás

24 sep 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Pasaron douscentos anos dende o seu nacemento nunha pequena aldea de Outes. Dende entón, o seu nome estivo sempre ligado a este municipio da ría noiesa, tanto, que agora, dous séculos despois de vir ao mundo, os seus veciños aínda o recordan. Falar de Francisco Añón é facelo da súa terra natal. Por iso, e coincidindo coa efeméride do seu nacemento, este poeta do Rexurdimento será a temática dun congreso monográfico de dous días. Literatura, coloquios sobre a súa obra e influencia como intelectual do seu tempo, un documental que o retrata ou unha exposición serán os piares do programa que se desenvolverá entre o 4 e o 5 de outubro na Cidade da Cultura de Santiago.

Esta iniciativa é unha das moitas que dan forma á programación do Ano Añón, que coordina a Asociación Cultural Terra de Outes co apoio da Real Academia Galega (RAG), o Concello de Outes e a Xunta. Dende o minuto cero, toda a programación ten un gran valor. O primeiro que tomará a palabra será o historiador e presidente do Consello dá Cultura Galega, Ramón Villares, que impartirá a conferencia A xeración de 1846. Este relatorio terá lugar na xornada inaugural (16.30 horas), e dará paso á inauguración da exposición Añón, precursor do Rexurdimento (17.15 horas) e á proxección de documental Añón na memoria (18.00 horas), de Juan Silva e Óscar Sendón.

Apoio

A parte final desta primeira xornada contará coa presenza dun personaxe de excepción, o presidente da RAG, Xosé Luis Méndez Ferrín, que participará na presentación do libro Poesías galegas de Francisco Añón. Ademais, Gonzalo Navaza protagonizará o relatorio Consideracións sobre a poesía de Añón.

Os ideólogos deste congreso sobre Francisco Añón, personificados na figura de Xoán Mariño, decidiron sacar a iniciativa á rúa. É por iso que, a segunda xornada desta actividade comezará ás 10.00 horas co roteiro literario A Compostela do Poeta Añón. Os participantes percorrerán a Alameda compostelá, San Clemente, diferentes edificios da Universidade, San Martiño Pinario ou facultade de Historia.

Coa chegada do mediodía, o escenario regresará ao monte Gaiás. Pilar Sampedro intervirá para achegar a súa visión do poeta coa charla Valor e valores da poesía de Añón. Ás 12.45 será a quenda de Manuel García Sendón, que titulou o seu relatorio A ría de Francisco Añón. A última tarde do congreso incluirá O Poeta Añón na forxa do galego literario, de Rosario Álvarez (16.00 horas), e Añón na literatura galega do Prerrexurdimento, de Xesús Alonso Montero (17.15 horas).