Atransformación dos construtores en promotores inmobiliarios -a muda do oficio polo beneficio- foi un dos alicerces que fixeron caer a estrutura económica do país. Pingües e veloces ganancias grazas á especulación, a avaricia incontida, os bancos fornecedores, a fascinación pola propiedade e a megalomanía arrastraron a moitos ao mercado do ladrillo e do cemento.
Sen apenas cartos, erguían estruturas que conseguían vender antes de chegar ao tellado, sen pagar a leira por compensala con obra rematada, sen arriscar patrimonio porque os bancos eran máquinas de financiamento, sen mercar os materiais porque trocábanos por pisos rematados.
Era tan boiante o negocio e inchaba tanto o prezo que aínda había lugar para especuladores intermediarios que obtiñan grandes fortunas en cartos opacos que nunca chegaron a declarar. Tanto que arrastraron a miles de estudantes dos institutos á obra, cobrando envexosos salarios pola colocación de milleiros de ladrillos diarios. Moitas familias foron enganadas, trocaron leiras por pisos que nunca chegarán a ver, labregos que se fiaron de homes de garabata e todoterreo a leasing. A situación que todos pensabamos eterna chegou ao fin, rebentada polos que movían teas de araña con aparencia de cabos marítimos.
Os excesos urbanísticos deixaron miles de vivendas baleiras ou sen rematar, bloques enteiros con pisos que non se venden a ningún prezo, esqueletos sen concluir cuxos promotores fuxiron a outros mercados.
Aflixe ver paisaxes pantasmas entre herbas inzadas, farois oxidados, papeleiras sen papeis e parques infantís sen nenos, urbanizacións que agardan novos guindastres unicamente para botalas abaixo. Xa hai lugares nos que para optimizar a oferta inmobiliaria, por novos impostos sobre a contaminación paisaxística ou o simple mantemento, os mesmos propietarios proceden a derrubar as estruturas non conclusas: Irlanda ou Estados Unidos.
A nosa lexislación dá por caducadas as licenzas aos tres anos, obrigando aos concellos a ordenar a demolición das obras sen rematar, polo propio promotor. Razóns de hixiene paisaxística e de respecto polo territorio avalan o deber ético e legal dos concellos para botar man da normativa. Incumprila é tamén unha contradición coa continua redacción de leis de protección da paisaxe ou de modificacións da Lei do Solo.