O conxunto xa leva máis de 50 actuacións en dous anos e acaba de presentar o seu primeiro disco de 14 temas en Boiro
03 sep 2014 . Actualizado a las 07:00 h.Toda a música ten o seu aquel, pero hai un vento que leva dous anos soprando entre Boiro e Rianxo para axitar un axóuxere de liberdade. O alento deste furacán de pandeiretas pertence ás cinco artistas de traxe tradicional e chaqueta vaqueira. Elas son O Aquel de Aquelar: Natalia Otero Oubiña, Mayte Batalla Ordóñez e as súas compañeiras de chascarraschás; Lara Carou Ordóñez, Noemi Riveiro Vázquez e Mercedes Barreiro Lojo.
-¿Cando deciden poñerse a chaqueta vaqueira?
-[Natalia Otero] Eramos amigas que íamos a clases de pandeireta á escola de música de Boiro, no centro social, onde ensaiamos actualmente. Quedamos para experimentar sen limitacións.
-[Mayte Batalla] Ao principio chamábannos asociacións da zona para tocar en seráns e festivais. Cando o público se deu conta de que o que facíamos era distinto, contratáronnos os locais.
-¿Por que ese nome e vestiario?
-[M.?B.] O nome decidiuno a xente votando a través dunha enquisa en Facebook. É unha expresión moi nosa, desta comarca.
-[N.?O.] Na primeira actuación non sabíamos que poñer e dixemos: «¿que temos todas na casa?». Á maior parte do público gustoulle, pero houbo xente á que lle horrorizou e dixémonos: «Acertamos». É o noso icono.
-¿Que novidades traen?
-[N.?O.] Non lle poñemos límites a unha canción, non somos puristas. Hai temas que toca todo o mundo igual, nós buscamos un son distinto e animado.
-[M.?B.] Collemos unha canción e dá igual que tivera que ser empuñada e toda con pandeireta; metémoslle triángulo ou ovos e cambiámoslle o ritmo.
-¿Comparten influencias?
-[N.?O.] Hai unha homoxeneidade. A primeira foi Faltriqueira porque non son voces típicas. Sacamos ideas de Andrés do Barro, por atreverse a facer pop en galego. E tamén tradicionais como Leilía ou Panxedoras.
-¿Contan con colaboracións?
-[M.?B.] Alberto Sieira é a nosa gran incorporación. Toca a gaita, acordeón, guitarra, caixón e todo o que lle poñas na man.
-¿Compoñen temas propios?
-[M.?B.] Temos tres: O aquel de aquelar, O pasodobre de Cabo de Cruz, que contará cun videoclip, e O meu cachiño, unha nana a ritmo de rumba. Hai varios temas na recámara, pero a que leva o peso da composición é Natalia.
-[N.?O.] Por non chamarme a tola. A composición non sae da cabeza, sae do corazón. Non podes aplicar unha fórmula, a primeira canción está dedicada ao meu avó. É máis lírica e poética.
-¿A vosa mellor actuación?
-[M.?B.] Quizais porque a temos recente, pero na presentación do disco en Boiro no bar Estrella del Mar, tivemos moi boa acollida.
-[N.?O.] Tamén soemos cantar na zona vella de Compostela. Estamos moi cómodas tocando na rúa. A música é para compartir e para repartir.
-¿Cal consideran que é a situación deste xénero musical?
-[N.?O.] Ao ser un grupo tradicional sempre tes o cliché de que non vas funcionar sobre o escenario. Por desgraza non valoramos a nosa música.
nATALIA oTERO E mAYTE bATALLA mEMBROS de O AQUEL DE aQUELAR