«O que define a unha persoa é estar sempre da parte dos máis débiles»

Antón Parada / M.?G. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

13 sep 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Barbanceses no seu recuncho

Xan Hermida desencadea unha serie de recordos ante a salvaxe imaxe das ondas rompendo contra as rochas de Couso. A primeira visita coa súa muller nunha escapada en moto ou a xenreira provocada polo impacto da visión do cordón que debía protexer ao lugar dos estragos do Prestige. «Nun espazo pequeno de un quilómetro por un quilómetro concéntrase gran parte da riqueza paisaxística e arqueolóxica do lugar» explica o profesor sobre como se conxugan restos de castros e mámoas, a morfoloxía das pedras e a posición de atalaia fronte a Sálvora ofrecendo, á dereita e á esquerda, unha costa virxe única. O seu recuncho.

Cualifica a existencia de fábricas nesta zona natural como unha puñalada herdada do franquismo nunha paraxe na que se pode escapar da presión urbanística do cemento. Como bo docente, busca apoio nunha cita atribuída ao poeta Borges para explicar o factor sociolóxico que permite esta pasividade: «Isto do nacionalismo cúrase viaxando». Para el non é certo, pois o que non viaxa non pode comparar e valorar o que ten. Por iso a súa vida non estivo sempre afincada en Barbanza.

O historiador ferrolán viviu os dous últimos anos do instituto Concepción Arenal como exclusivamente masculino, algo que máis tarde collerá importancia na súa loita incondicional contra o machismo. Tras cursar a licenciatura en Santiago, especializouse en Historia contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela. Alí é onde se vincula ao nacionalismo de esquerdas, que o fará estudar Ciencias Políticas na Complutense de Madrid, pois Galicia carecía deste tipo de estudos.

Loita pola igualdade

Tras aprobar as oposicións e traballar un ano en Asturias, decide marchar a Madrid xunto cuns compañeiros onde era fácil conseguir un posto nas zonas en crecemento dos cordóns industriais: Móstoles e Leganés. O camiño da politicoloxía descúbrelle a rama da teoría política, que marcará as pautas dos seus principios como profesional e como persoa: «O que define a unha persoa é estar sempre da parte dos débiles».

Tras volver a Santiago coñece a unhas rapazas dun grupo de investigación feminista, Marta Lois e Isabel Diz, que o acercarán a esta corrente. «Somos explotados pola condición de clase e pola raza, pero tamén pola cuestión de xénero», conclúe o profesor ao citar datos como que o 90% dos traballadores da conserva de Barbanza son mulleres. Isto levarao a formar o colectivo Homes pola Igualdade, que foi premiado no 2008. «Somos tóxicos, non pode ser que unha muller sexa maltratada cada quince minutos», afirma sobre as agresións machistas en España.

A loita pola equiparación dos dereitos da muller non é o único piar no que se apoia Xan Hermida. Dende o ano 2010 colabora con John Thompson, un profesor da universidade de Montana, nun estudo sobre a presenza de simboloxía fascista. Cun grupo reducido de xente, decidiu crear no 2012 a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza, co obxectivo de poñer un recurso contra o Concello ribeirense pola negativa a retirar símbolos e títulos a colaboradores do golpe de Estado.

«En Ribeira hai fillos, netos, bisnetos de fusilados na guerra e o feito de que exista unha placa que significa unha honra, supón un agravio a esas persoas» remarcou o fundador da asociación. Está actualmente traballa nunha investigación con Alfonso Costa, que aumentará a listaxe destes casos mediante un vídeo-documental coas testemuñas documentadas dos represaliados.