Drons e equipos non tripulados serán utilizados nun operativo anticontaminación na Pobra

J.R.

BARBANZA

MARCOS CREO

O dispositivo terá lugar o mércores no porto pobrense

26 sep 2014 . Actualizado a las 17:11 h.

A Consellería do Medio Rural de do Mar, a través de Portos de Galicia, ten previsto celebrar o mércores no peirao da Pobra do Caramiñal un simulacro de operativo de loita anticontaminación no que participarán drons e equipos non tripulados. O presidente do ente público, José Juan Durán, xunto co subdirector xeral de Gardacostas de Galicia, Lino Sexto, que tamén participa no exercicio xunto ao Intecmar, presentaron esta mañá a actividade nunha rolda de prensa no Concello pobrense.

O exercicio, que terá lugar ao longo de toda a mañá do 1 de outubro, enmárcase dentro do programa europeo Netmar, financiado pola Unión Europea, para a avaliación dos equipos de intervención ante accidentes ambientais. Esta acción dá continuidade a outros exercicios do mesmo carácter no que o ente público ten participado xa en diferentes puntos de Europa, o último en Shannon, Irlanda en abril de 2013.

En concreto este exercicio partirá do suposto dun vertido de amoníaco no porto da Pobra do Caramiñal, con dispersión da mancha cara á ría de Arousa. A tarefa dos equipos de intervención pasará pola detección, seguimento permanente da dispersión do vertido, recuperación e tratamento do líquido. Para elo, empregaranse diferentes equipos tecnolóxicos de I+D+i. Entre eles, varios drons aéreos permitirán a captación de imaxes da evolución do vertido no mar. Ademais, un robot terrestre permitirá inspeccionar o buque supostamente accidentado en un submarino non tripulado avaliará os danos no casco da embarcación. Dende terra, ademais, permitirase realizar un seguimento permanente das imaxes captadas polos equipos a través dunha plataforma web.

Para a correcta execución do exercicio está prevista a intervención de diferentes operativos, entre eles, os socios europeos do proxecto Netmar (institucións e colectivos profesionais británicos, irlandeses e portugueses); Portos de Galicia, Gardacostas de Galicia, Intecmar, Universidade de Vigo, Capitanía Marítima de Vilagarcía de Arousa, SASEMAR, Garda Civil do Mar, Confraría de Pescadores da Pobra do Caramiñal, asociacións de mexilloeiros e Protección Civil da Pobra.

Nesta actividade comprobarase a capacidade de resposta coordinada das operacións en terra e mar dos equipos de loita contra a contaminación nas costas. Para elo, avaliarase a eficiencia dos equipos humanos e técnicos e dos medios e sistemas tecnolóxicos de loita anticontaminación coa que contan os socios do proxecto Netmar e en concreto Portos de Galicia.

A través do simulacro previsto avánzase na integración dos coñecementos obtidos con este tipo de actividades de cara a estratexias de prevención e protocolos de actuación en caso de accidentes marítimos na franxa costeira. O obxectivo último é o de incorporar novas ferramentas, tecnoloxías e melloras organizativas aos protocolos de actuación ante incidentes nos portos, rías ou litoral galego.