O BNG cualifica de «ridículo» o investimento previsto pola Xunta na comarca noiesa

BARBANZA

A deputada Ana Pontón puxo o acento na falta de medidas para crear emprego

04 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

A deputada do BNG Ana Pontón estivo onte na vila noiesa para analizar os investimentos previstos para a comarca de Muros-Noia nos orzamentos da Xunta do vindeiro ano. Na súa avaliación do proxecto económico fixo unha dura crítica ao goberno de Núñez Feijoo ao cualificar como «ridículas» as partidas destinadas aos municipios da zona.

Pontón, que estivo acompañada polo portavoz do BNG de Mazaricos e o responsable local da agrupación muradá, repasou as dúas obras que aparecen recollidas nos orzamentos da Xunta: a conexión do corredor Brión-Noia coa estrada comarcal AC-550 en Taramancos e a unión con Sampaio-Portobravo. En total, 515.623 euros de investimento que os nacionalistas consideran claramente insuficientes «para unha comarca que afronta multitude de problemas, algúns de moita envergadura». Entre eles, Ana Pontón destacou o desemprego, a precariedade laboral e a emigración masiva de mozos e subliñou a falta de medidas para atallar esta situación: «Non se aprecia por ningún lado a vontade da Xunta de pór os medios necesarios para a radicación de empresas e a posibilidade de creación de postos de traballo».

Medidas medioambientais

Para rematar, a deputada nacionalista incidiu tamén en outras necesidades de infraestruturas encamiñadas á recuperación do medio ambiente que tampouco aparecen nos orzamentos autonómicos, como «a limpeza da nosa ría e ríos, a canalización de verteduras industriais contaminantes ou a eliminación de residuos sólidos urbanos».