«Algunhas modas pasaxeiras van en contra da arquitectura»

raquel iglesias RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Acaba de publicar a obra «Un edificio para ver e ser visto», no que ensalza o valor do instituto Virxe do Mar

07 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O tempo vaise voando cando un fai o que máis lle gusta. A historia é a paixón de Pedro García Vidal e lamenta non ter máis tempo libre para investigar nos arquivos e escribir as súas conclusións. Con motivo da publicación de revista Casa da gramática, acaba de saír á luz o libro que leva por título Un edificio para ver e ser visto. Nel pon en valor as bondades do instituto Virxe do Mar de Noia. Compaxina o seu traballo como historiador coa docencia e leva xa dúas décadas impartindo clase no instituto Espiñeira de Boiro.

-¿Por que decidiu escribir sobre o edificio do Virxe do Mar?

-Foi o director do centro e coordinador da revista Casa da gramática, Xavier Castro, o que me animou a publicar un texto con motivo do 125 aniversario da construción do inmoble. Este traballo trata sobre a repercusión que tivo o edificio a finais do século XIX, cando Noia era unha vila pechada dentro dunha muralla. Foi o primeiro inmoble que se levantou fóra dela nesta época.

-¿Son conscientes os estudantes do valor que ten o inmoble no que apoian os seus pupitres?

-Penso que nin os estudantes nin moitos veciños o valoran, fíxanse máis noutras construcións doutros séculos como o XVI. Ás veces desprézanse este tipo de edificios, pero eu penso que hai que dalos a coñecer.

-¿Como se estrutura a obra?

-Ten dúas partes, na primeira intento que a xente coñeza o cambio que sufriu Noia naquel tempo, non só político, senón tamén social e económico. A vila estaba entón afogada pola muralla e debía saír dos muros. Nunha segunda parte fago unha reflexión sobre este espazo norte, a creación da Alameda, dos xardíns Felipe de Castro... A burguesía decidiu crear un espazo no que gozar do sol e dos paseos. Neste momento decídese tamén levantar un novo edificio para o Concello, o actual instituto.

-¿Consérvase ben o inmoble?

-Bastante ben, aínda que algunhas modas pasaxeiras van en contra da arquitectura. O repicado da fachada desnaturalizou o edificio.

-¿Quen foi o arquitecto?

-Aínda non se sabe, estou investigando niso. Debeu ser un profesional de renome, probablemente galego. Teño que indagar nos arquivos.

-¿Que opina da revista que acompaña o seu traballo?

-Considero que Casa da gramática é un milagre en forma de revista de creación literaria. Ten un valor enorme e para min é unha honra acompañala con este traballo.

-¿Cales son os seus próximos proxectos?

-Estou trallando para que neste ano publiquen a miña tese sobre a paisaxe na ría de Muros-Noia a través das súas vilas máis significativas. Tamén seguirei traballando con Barbantia, o anuario leva un traballo meu. Tamén penso en colaborar coa publicación do Liceo e con esta revista do Virxe do Mar.

pedro garcía vidal historiador