O mestre que se nega a adoutrinar

antón parada / m.x.b.

BARBANZA

Manuel Maneiro en Porto Traveso, na serra barbancesa, lugar da última acción arqueolóxica.
Manuel Maneiro en Porto Traveso, na serra barbancesa, lugar da última acción arqueolóxica. marcos creo < / span>

Manuel Maneiro leva sete anos colaborando en escavacións arqueolóxicas

12 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Por desgraza, existen dous tipos de docentes. Aqueles que verterían a súa derradeira gota de suor en ensinar aos alumnos máis alá de cinguirse aos parágrafos do libro de texto e os que terminan a súa xornada laboral despois de repetilos coma un catecismo. Por fortuna, Manuel Maneiro Castañedo é un dos primeiros.

Este profesor de 57 anos, do CEIP A Ramallosa de Teo, leva 29 axudando e prestando apoio a nenos con problemas de todo tipo. Ademais, compaxina a súa labor como pedagogo terapeuta coa súa segunda paixón: a historia e a súa transmisión. «Sempre soñei cos descubridores de Troia ou as cidades maias», dixo o licenciado en Historia da Arte.

Hai sete anos, Víctor Barbeito convidouno ás xornadas arqueolóxicas organizadas polo centro que dirixe en Neixón. Dende entón, Maneiro é un colaborador incondicional de todas as actividades deste ente, ás que procura traer sempre a alguén novo para espertarlle o interese. «Considero que este tipo de arqueoloxía non está próxima aos rapaces pequenos», afirmou con tristeza.

Fóra das aulas

Natural de Catoira, Manuel Maneiro posúe unha mente aberta, propia dun cosmopolitismo que o transportou a países como Reino Unido, Alemaña ou Dinamarca; onde percorreu cada museo, mentres as súas pupilas se abraiaban ante tesouros coma o dunha reprodución exacta con cores do Pórtico da Gloria compostelá, no Museo de Historia Nacional londiniense.

«Co permiso dos pais, logrei que cincos dos meus alumnos sigan por Facebook as escavacións actuais», comentou o amante da etapa prehistórica, pola facilidade que ofrece a teorizar e a espallar o pensamento con maior liberdade. Algo esencial para quen se sinte máis cómodo coa «xente nova, con mente aínda maleable e accesible» fronte á habitual ortodoxia académica imperante.

Por iso, Maneiro Castañedo, que xa traballara nas súas primeiras catas durante o período universitario, mantén viva esa época prestando os seus coñecementos coma un voluntario mozo máis, cos que se integrou e compartiu vellas experiencias. Ese espírito reflíctese nos seus métodos de ensinanza, pois se vai levar de excursión natural aos cativos, previamente xa traballaran na botánica ou zooloxía do entorno.

«É incongruente visitar a Costa Maia sen coñecer paraxes como as illas de Cortegada ou Ons», reflexionou Maneiro sobre o patrimonio medioambiental galego, ás veces desprezado. O inaudito profesor pode estar orgulloso de descubrirlles templos culturais como o castro romanizado de San Cibrao de Las ou os petróglifos de Campo Lameiro.

Encaixar na historia

«Se algún día me retiro, acabarei traballando neste tipo de proxectos», Maneiro sabe que o amor pola arqueoloxía non é só unha afección. Proba disto é que de vivir outra vida, iría á da conquista do Oeste americano, para evitala tráxica matanza dos nativos.