«Perderíame na natureza, sexa praia ou montaña»

María Piñeiro / M.?G.

BARBANZA

Pese a ser moi nova, Sara Nieto conta xa cunha ampla experiencia sobre os escenarios<span lang= es-es >. </span>
Pese a ser moi nova, Sara Nieto conta xa cunha ampla experiencia sobre os escenarios. Dani Gestoso< / span>

A actriz leva dez anos no grupo Teatro do Improvisto e actualmente traballa nunha obra de temática zombi

26 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Sara Nieto leva desde os 13 anos mergullada no Teatro do Improvisto, unha compañía boirense que ofrece actuacións por toda a bisbarra e por diversos puntos de toda Galicia. Nestes intres, Nieto compaxina a súa afección polo teatro cos seus estudos en Historia na Universidade de Santiago de Compostela.

-Sendo estudante de Historia, ¿por que se decanta? ¿Tarde de terrazas ou de museos?

-[Pensa] Depende do día. Ao estudar Historia teño moitas inquietudes neste campo, polo que non me gusta perderme unha boa exposición. E tamén me encanta quedar cos amigos e tomar algo na terraza dun bar. Non descartaría ningunha das opcións.

-¿E se tivera que escoller unha praia da comarca?

-Puf, temos un montón onde elixir a verdade [ri]. Eu prefiro a do Vilar, porque vou ocasionalmente cos amigos e gardo bos recordos dela. A das Furnas é unha boa praia tamén.

-¿Un recuncho no que busque intimidade?

-Perderíame na natureza, sexa praia ou montaña. No Barbanza temos a sorte de contar con distintos escenarios. De día optaría polo monte, que é máis tranquilo. Pola contra, se busco relaxarme, iría dar un paseo á praia pola noite.

-¿Cal é a mellor festa de Galicia?

-Eu diría que as festas de Boiro porque é un momento de reencontros para min. Reúnome con vellos amigos aos que hai tempo que non vexo.

-¿Sendeirismo ou paracaidismo?

-Paracaidismo. Xa realicei varias rutas de sendeirismo, así que inclínome pola segunda opción, por probar algo diferente.

-¿Na súa faceta de actriz está máis cómoda coa traxedia ou coa comedia?

-No cine prefiro comedia ou terror, pero no teatro síntome máis cómoda coa comedia, porque é o máis practiquei.

-¿Bodas de sangre ou Hamlet?

-Non lin a obra de Federico García Lorca, polo que non podería elixir entre unha opción ou a outra.

-¿Que época histórica que lle gustaría ter vivido?

-Se puidera, en todas [ri]. Sería imposible escoller unha soamente. O ideal sería poder vivir 10 anos en cada unha e así enriquecerte das súas particularidades e feitos históricos.

-¿Un lugar ao que lle gustaría viaxar?

-Eu sempre digo que antes de morrer teño que viaxar a Exipto. Paréceme unha cultura moi fascinante e intrigante.

-¿Unha celebridade que quixeras coñecer?

- Hugh Jackman. Encántanme as películas de Marvel, especialmente a saga de Lobezno.

-¿E que lle diría?

-Pediríalle consello para actuar e preguntaríalle se ten algún papeliño para min [ri].

-¿Que é o Teatro do Improvisto para vostede?

-É o lugar onde medrei teatral e persoalmente. Fixen grandes amizades e tiven a oportunidade de viaxar.

Sara nieto actriz