O autoemprego como saída

José Ramón Romero PRESIDENTE DE LA FEB

BARBANZA

A Federación de Empresarios do Barbanza valora positivamente os esforzos que, cada vez máis, se realizan desde as distintas Administracións locais da nosa comarca en prol da creación de novos postos de traballo. A gran maioría dos concellos barbanceses dispoñen de departamentos de emprego nos que traballan técnicos especializados e orientadores laborais que teñen como obxectivo primordial mellorar a inserción laboral das persoas desempregadas.

Pero, tendo en conta que as posibilidades de atopar un posto de traballo por conta allea nestes momentos son escasas, xa que as empresas reduciron ao mínimo os seus cadros de persoal, coido que é a hora de apostar polo autoemprego en todas as súas dimensións. Na FEB estámolo comprobando día a día a través do noso punto PAE (o único punto de atención ao emprendedor de carácter público que existe na nosa comarca), polo que pasan cada vez máis desempregados para informarse e -de ser o caso- dar o paso de constituírse como traballadores autónomos.

A maioría destes novos autónomos, que se ven favorecidos e animados polas subvencións que convocan as distintas Administracións públicas e polas reducións paulatinas dos recibos de cotización á Seguridade Social durante a súa primeira fase de actividade, contemplan a posibilidade do autoemprego como a única saída real ao paro, sobre todo cando este é de longa duración. Polo tanto, os concellos, e en particular os de Barbanza, deberían traballar máis neste ámbito, creando viveiros de empresas que funcionen de xeito efectivo e colaborando coas entidades á hora de impartir formación transversal e específica sobre creación de negocios.

E todo iso sen descoidar as bonificacións fiscais que puidesen aplicar nos impostos repercutibles en novas actividades económicas coma un incentivo máis para facilitar a implantación de firmas nesta zona.

Xuntos, a federación de empresarios e os concellos da súa área de influencia favoreceremos, e podemos facelo en maior medida, o emprendemento e a creación de emprego na nosa comarca, e, polo tanto, o seu desenvolvemento económico.