Ando estes días moito pola serra do Barbanza na procura de cruces. Antes de saír, miro sempre as fotografías que o exército americano fixo da comarca (e de toda a Península) nos anos 1946 e 1956. Son como unha sorte de viaxe no tempo que te leva a un Barbanza no que no canto de galpóns, autoestradas e polígonos hai campos de millo e millóns de corredoiras, sempre cambiante.
As diferenzas entre o ano 1946 e o 2016 son abismais, pero non só no previsible, os núcleos urbanos como Ribeira, Boiro, Corrubedo ou Aguiño. A sorpresa é que unha das áreas máis modificadas polo home foi a serra do Barbanza.
Ampliando a secuencia de fotografías a décadas máis próximas, podemos ver a profunda transformación da serra. Vouno resumir: fixeron dela un pandeiro. Verquedoiros, canteiras, curros, campos de motocross, repoboacións forestais indiscriminadas, parcelacións e privatizacións semiencubertas, pistas absurdas que non levan a ningures e que a penas se usan ou o profundo impacto ecolóxico dos parques eólicos non rendibles. A serra sufriu o impacto das agresións continuas. Nunca se considerou coma o que era: unha das paisaxes culturais e naturais mellor preservadas da costa occidental europea, un lugar único.
O Barbanza foi un espazo baleiro, un burato negro no que se podía facer de todo sen dar contas. Non son de laiarme polo xa pasado, pero imaxinen se o noso monte tivera chegado ben preservado ata nós. Teriamos un tesouro que aproveitar de moitos máis xeitos.