O rexedor confía en que no prazo dun mes poida estar xa vixente o PXOM que empezou a elaborarse hai dezaseis anos
19 feb 2016 . Actualizado a las 11:50 h.O rexedor de Porto do Son, Luis Oujo, achegouse onte ao estudio de Radio Voz Barbanza para participar no espazo Cita co Concello, conducido por Manuel Dieste, no que falou dos proxectos máis inmediatos que ten a Administración local. O mandatario indicou que a mellora das infraestruturas e a ampliación da rede de saneamento son dúas das prioridades. Sen embargo, tamén se referiu ao planeamento, que se prevé aprobar a vindeira semana. Neste sentido, recalcou que será un importante avance, máxime tendo en conta que hai dezaseis anos que se iniciou a súa tramitación.
-O goberno leva tempo intentando aprobar o PXOM, demorouse máis do esperado, ¿xa está listo o documento?
-O certo é que hai máis dun ano que temos o PXOM aprobado inicialmente. Houbo que corrixir algunha errata e facer algunhas modificacións, pero xa está listo. A nova Lei do Solo non nos afecta e a intención do executivo é sometelo a aprobación provisional o vindeiro día 25. É un plan que vai moi consensuado cos técnicos. Agardamos que antes da chegada da primavera poida entrar en vigor. Porto do Son é un municipio que precisa medrar dunha forma ordenada.
-Outra das prioridades, así o ten manifestado en diversas ocasións, é completar o saneamento integral do municipio.
-Porto do Son vive do turismo e da explotación dos recursos pesqueiros. A depuración das augas residuais é unha prioridade. Xa se fixo a acta de recepción da depuradora de Baroña, que dará servizo a medio milleiro de veciños. Esperamos que no prazo dun mes estean as conexións executadas e, de feito, é bo que os veciños empecen xa a facer ese proceso. Por outra banda, tamén hai consignación orzamentaria para a posta en marcha da EDAR de Xuño e Caamaño. E ademais temos o compromiso da conselleira de que se habilitarán fondos para facer a planta de tratamento de Queiruga. Deste xeito producirase un salto cualitativo no que respecta á depuración no municipio. Algo moi importante.
-Onde non parecen rexistrarse tantos avances é na construción da circunvalación de Portosín.
-Teño solicitada unha reunión coa conselleira porque queremos que esa obra se leve adiante. Hai que ter en conta que a construción da ponte sobre a ría de Noia supuxo un cambio notable. Os cidadáns afirman que agora lles resulta moito máis cómodo chegar a Santiago. Con esta vía, Porto do Son sitúase a trinta minutos da capital galega e por iso imos seguir traballando para lograr a variante de Portosín, para dar outro paso en materia de comunicacións. Tamén hai que ter en conta que esa infraestrutura é determinante para o futuro polígono industrial sonense.
-Referiuse vostede aos dous puntais da economía local, o turismo e a pesca. Hai dous temas de actualidade directamente vinculados ao sector extractivo: o anteproxecto de lei acuícola e as cotas do cerco.
-Portosín é o porto de cerco máis importante de Galicia. Despois dun longo proceso, parece que no conflito hai un principio de achegamento. Non é o que se quería, pero hai que seguir traballando porque as cotas non chegan. Temos que loitar conxuntamente e eu é o que lle pido ao sector, xa que hai dúas entidades que aglutinan a integrantes desta flota. Teñen que traballar xuntos para que non haxa división. No que respecta ao anteproxecto de lei de acuicultura, creo que dende a Administración non fixemos ben as cousas. Hai que paralizar a tramitación, comezar de novo e falar cos afectados. É necesaria a lei, pero hai que falar cos implicados. Trátase dun asunto moi delicado que afecta ao marisqueo e tamén a profesionais doutras artes, dous piares económicos en Galicia.
-Na vertente turística incide a disposición da Lei do Solo que obriga aos concellos a loitar contra o feísmo.
-As Administracións autonómica e central teñen que baixar á terra. Hai familias que economicamente non poden facer fronte aos gastos para adecuar as súas vivendas por fóra. Claro que todos queremos que Galicia sexa bonita e non haxa feísmo, pero hai que ver cada caso. Eu, como alcalde, non vou impoñerlle unha sanción a unha familia que ten uns ingresos mínimos. Considero que este tipo de normas, en moitos casos, veñen dadas porque desde a Administración se permitiu facer cousas que non se terían que ter consentido. Nós queremos loitar contra o feísmo e buscamos a conservación do noso patrimonio. De feito, imos elaborar un plan de protección, un Pepri, para o casco da vila de Porto do Son e para a zona do Outeiro. Pero no que respecta ás construcións, hai que estudar cada caso e ao mellor o que debe facerse é proporcionar axudas a quen o precise.
-Outro aspecto directamente vinculado co feísmo son os cables aéreos.
-Eu sempre digo que os concellos somos o patito feo porque a nós tócanos todo. Claro que nós queremos soterrar os cables, pero o Concello non ten capacidade para facelo. É un proceso que debe acometerse pouco a pouco. O problema é que as compañías eléctricas só están obrigadas a proporcionar o servizo. Nas obras que imos ir facendo xa se van soterrar as canalizacións, pero temos moitas conducións que se fixeron de antigo e que non valen para nada. Se en lugar de sete millóns de euros tivéramos o dobre de orzamento faríamos moitas máis cousas. Os veciños o que non queren é que se levanten as rúas de xeito constante. Por riba de que o noso orzamento é moi axustado temos as imposicións de Montoro, que nos obriga a empregar o remanente de tesourería na amortización de débeda, aínda que teñas o gasto perfectamente axustado. No Concello estamos agora documentando todos os servizos porque non había planos actualizados das canles polas que discorre o saneamento. Son moitas as accións que se fan.