Sobre a rúa Rodríguez Bautista

Manolo González TRIBUNA ABIERTA

BARBANZA

01 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

D esexo intervir a raíz da polémica creada en Ribeira pola pretensión dos grupos da oposición de substituír o nome dunha rúa, que lembra a memoria dun alcalde da ditadura. O persoeiro en cuestión foi un fascista e falanxista declarado, que chegou a ostentar a xefatura do Movemento na comarca; polo que é responsable, a lo menos subsidiario, de todas as ultraxes que os seus subordinados executaron durante o seu mandato. Ademais de ser un piar fundamental do réxime franquista, que durante catro décadas mantivo unha represión constante sobre as liberdades máis elementais. En concreto, quero intervir ao fío das declaracións vertidas pola voceira de IPdR, Rosa García Pose, xustificando a súa posición contraria ao cambio de denominación da rúa. Sostén que non atopou a ningún veciño que afirmara que, o memorable falanxista, destruíra a vida de ninguén. Afirma que mantivo un dilema ético consigo mesma, pois considérase unha comunista convencida. Só son comunistas convencidos os e as que o demostran coa súa militancia nun partido comunista, e García Pose nin se conta entre as nosas camaradas, nin a cobizamos como tal. Tamén son comunistas os que creen na loita de clases, e non quen se pon do lado dos explotadores e dos colaboradores dun réxime criminal. É intolerable esforzarse en parecer neutral, e logo aliarse cos postulados da dereita.

Máis alá do análise das accións concretas do susodito alcalde, estamos a falar de alguén que decidiu ser parte do engrenaxe da ditadura franquista, dun réxime que se impuxo polas armas á primeira experiencia democrática do Estado. Isto é razón suficiente para que a súa figura non sexa homenaxeada co nome dunha rúa. É lamentable exercer de «tonto/a útil» da dereita, para facer pasar por moderadas posicións filofascistas. O acontecido no pleno é só unha mostra máis do que sucede cando o pobo se enfronta ás posicións dos privilexiados. De seguida acude o máis reaccionario do noso pobo, os añoradores do réxime franquista e as vellas glorias da «sección feminina do Partido Popular». Non se pode ser comunista sentimental e logo aplaudir as grazas dos que fan política para as elites locais. O retrato do pleno quedará para a posteridade, xa non é posible modificar o que alí sucedeu con declaracións grandilocuentes, nin con actitudes moralizantes: Ao feito peito.

Como secretario político do Partido Comunista de Galicia no Barbanza, emprazaría a García Pose a que se aforrara a loita interna e ética que a sacudiu; e que se lembrara das súas excamaradas que foron represaliadas, torturadas e exiliadas por golpistas asasinos, que co apoio do ex alcalde intachable e benefactor puideron manterse no poder durante 39 anos. Ou quizá máis tempo.