Alumnos do IES Félix Muriel: «O primeiro programa tivo máis de 200 escoitas, estamos moi satisfeitos»

Patricia Calveiro Iglesias
P. Calveiro RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

<span lang= gl >Os alumnos que participan na radio escolar sacárona adiante mediante o traballo colaborativo. </span>
Os alumnos que participan na radio escolar sacárona adiante mediante o traballo colaborativo. C. Queijeiro< / span>

Cos medios básicos e moita ilusión, puxeron en marcha unha radio escolar na Rede

20 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Teñen entre 12 e 16 anos e son os autores do primeiro programa de radio escolar rianxeiro, RianxoFala. Emprenderon esta aventura sen moitos medios, pero con grandes doses de ilusión. Uns ordenadores, dous micros, un par de programas en liña de edición e almacenamento na nube, e máis unhas clases básicas de formación sobre xornalismo radiofónico en canto á parte técnica -organizadas polo Equipo de Normalización e Dinamización da Lingua Galega (ENDL), departamento que coordina a iniciativa- foron dabondo para que este grupo de alumnos do IES Félix Muriel sacara adiante a emisión dixital.

Fixérono sacrificando moitas horas de lecer. No recreo, á saída de clase, no descanso da comida... Repartidos en equipos, para optimizar o tempo. O resultado de todo ese esforzo, a Radio Rianxo Félix Muriel, vía a luz en febreiro. «O primeiro programa tivo máis de 200 escoitas, estamos moi satisfeitos», recoñecen. Pero non se conforman. «Aínda temos moito que mellorar», di Aida Barros, quen asume o papel de voceira en nome do resto.

Ela e outras sete rapazas de cuarto de ESO asumen o maior peso do proxecto, coa axuda de outros dous alumnos de segundo e catro de primeiro. «Non tiñamos pensado facelo a principio de curso, pero saíu a iniciativa de facer algo novo este ano dentro do ENDL, ademais da revista e o blog que viñamos facendo», sinala Victoria Pereira, outra das maiores. Curiosamente, ningunha delas aspira a ser xornalista de maior. A única que optou pola rama de letras decántase pola carreira de Dereito. Sen embargo, isto non foi un impedimento para que se envorcaran de cheo na posta en marcha desta iniciativa.

Emisión trimestral

A idea inicial é facer un programa cada trimestre, cunhas seccións fixas. Está O personaxe misterioso, onde fala unha figura coñecida que os oíntes deben identificar; un concurso de música galega, que propón varios temas do mesmo xénero para que se vote polo que máis gusta a través da web do instituto; un informativo; unha entrevista de actualidade (o primeiro protagonista foi o escritor Gonzalo Hermo, exalumno do centro e gañador do último Premio Nacional de Poesía Xove Miguel Hernández); e a RadioTeatro, unha das propostas que máis éxito ten, sinalan.

«É un recuncho literario no que se dramatizan pequenos textos e relatos, algúns escritos por nós mesmos», explica Aida, quen recoñece que por seren maioría as mulleres teñen pedido colaboracións a outros compañeiros para que interpreten os papeis masculinos. E, por se non fose suficiente, tamén fan os seus propios anuncios. Levan xa tres cuñas e dous patrocinios «sen ánimo de lucro», aclaran.

A primeira vez que emitiron o programa no centro -durante o recreo-, servíndose duns pequenos altofalantes e dun ordenador de mesa, sentiron unha mestura de emocións: «Nervios» por ver como resultaba, e «felicidade» polo traballo logrado, contan. Os seus compañeiros «reaccionaron bastante ben ao proxecto da radio, dixeron que lles gustara moito e a ver se o faciamos máis», sinala un dos pequenos, Gustavo Barros.

Avanzar e crecer

Pensan continuar, e crecer. Xa teñen preparados os contidos do seguinte RianxoFala, que incluirá unha entrevista deportiva. «Estamos pensando en entrevistar ao presentador galego Roberto Vilar, se conseguimos contactar con el», avanzan, e coa chegada dunha mesa de son que prometeu a dirección e uns altofalantes en condicións, esperan gañar en calidade e difusión. A profesora responsable do ENLG, Valentina Formoso, atribúe todo o mérito aos alumnos: «Fixeron un traballo impresionante. Eu, practicamente, so lles dou apoio moral».

Onde escoitalos. O programa «Rianxo Fala» pode atoparse entre os contidos que propón a páxina web do Equipo de Normalización e Dinamización da Lingua Galega do IES Félix Muriel: «http://www.bicodaria.com». Onde tamén se recolle un blog literario e unha revista.