abandono de edificios industriais na malla urbana pode responder a realidades como a da deslocalización por necesidade de espazo ou á da propia quebra da empresa, pero tamén pode vir impulsada polo propio plan urbanístico para especular coa leira, convertida en apetitosa tarta inmobiliaria. Este último caso podemos definilo como un auténtico «fracaso social» e pouca visión de cidade por parte do poder, xa que cada quinteiro que se transforma en bloques de vivendas é unha neurona da cidadanía que morre. Pasa o mesmo cos cines, cos mercados e outros equipamentos que dan paso á consolidación residencial.
Cando unha industria morre falamos de pasado glorioso pero hai que reaccionar con intelixencia e creatividade.
A tendencia urbanística actual en Europa apóiase na participación cidadá, no colaboracionismo e na imaxinación das autoridades para dar cabida a novos usos non residenciais nas vellas factorías, exemplos hai de incubadoras para emprendedores ou obradoiros para artistas noveles, lugares de participación colectiva ou espazos destinados a eventos ou actividades distintas das da vivenda.
Conséguese con estas alternativas minorar a especulación e a densidade que se viña producindo cada vez que se transformaban en soares edificables.
Pero mentres as ideas non xorden ou os alcaldes non impoñen a súa autoridade sobre a propiedade privada (o que o artigo 33 da Constitución define como «a función social da propiedade») a decadencia e a insalubridade apodéranse dos edificios pola falla de mantemento e conservación, emerxendo os problemas de seguridade, de ocupación ou de espolio.
A Lei do Solo obriga aos propietarios a manter os seus inmobles nas debidas condicións de salubridade, seguridade e ornato público, tamén ordena aos alcaldes a esixírllelo ou executar as obras, causando un grave problema ás arcas municipais por ter que adiantar en moitos casos os custos da obra.
Porén, o desuso dun edificio industrial deberíase ver como unha oportunidade de rexeneración urbana, nunca como un problema, pero para acadar o éxito é precisa a colaboración das distintas Administracións.