
Francisco Gude está ao cargo do son do musical de Jorge Javier Vázquez «Iba en serio», cunha gran acollida
17 jul 2016 . Actualizado a las 08:58 h.Corría o ano 1996, un día antes do enterro da princesa Lady Di, e no interior dos históricos estudos londinenses Abbey Road, o director destas instalacións, Alan Parsons -produtor de discos inmortais como o Dark side of the moon-, era chamado polo técnico Peter Cobin e o baixista do grupo Simple Minds, John Giblin. A razón era a sorpresa destes dous, ante un sorprendente método de grabación dun mozo de 19 anos, que se desplazara dende Madrid para completar un traballo co seu compañeiro e amigo Larry García.
Na actualidade, aquel adolescente que acaparara a atención destes pesos pesados da industria discográfica tocou todos os ámbitos posibles do mundo da música: dende a gravación de discos, a son en televisión e cine, ata máis recentemente grandes espectáculos musicais. Pois José Francisco Gude Arestín (Castiñeiras, Ribeira) acaba de levar en Barcelona o musical de Jorge Javier Vázquez Iba en serio, que no seu primeiro ano de existencia xa obtivo tres galardóns dos Premios de Teatro Musical. Fran Gude estaba nomeado como mellor produtor musical.
Fase de mestura
Moito antes de que o ribeirense se fixese un nome entre os grandes arquitectos do son, foi un neno máis que medrou en Castiñeiras arroupado polos ritmos dos Betales, os Eagles ou Elvis. Aqueles discos de seu pai foron un impulso, mais con catro anos entraba con el nunha tenda de instrumentos a por unha guitarra e saía cun laúde baixo o brazo.
Así comezou a dar os primeiros acordes baixo as ensinanzas do seu profesor de música, don Pachicho, no colexio Sagrado Corazón de Xesús. «Sempre ía polas tardes á súa casa para aprender máis e velo tocar o violín», explicou Gude que tamén aprendeu del a tocar a frauta doce.
Con 14 anos, entraba a traballar de recollevasos nos míticos pubs locais Totem e Samantha’s. Ao pouco tempo xa estaba na cabina de DJ, amparado polo seu mentor Narci Martínez, onde descubriu a Toto e a Janis Joplin. Entón produciuse o punto de inflexión: «Como podía gravar eu algo así?». Nun contexto histórico no que Internet era case inexistente e as revistas se quedaban curtas, marchouse a Madrid a estudar a titulación de técnico especialista en gravación, mestura e produción musical.
Aínda que contou coa inestimable axuda de seus pais, tivo que compaxinar os estudos traballando como mozo de almacen na Villa. Ata que aconsellado por un amigo, comezou a enviar currículos aos principais estudos da capital. Desta forma, chegou aos Estudios Trak, onde tras entrar en plantilla comezou a cociñar con Juan Ignacio Cuadrado e José Peña os discos de artistas como Sabina, Azúcar Moreno ou Sergio Dalma. «Alí foi onde me formei realmente como profesional», destacou de máis dunha década de esforzo e perfección.
Fase de master
Máis tarde, Fran Gude fíxose freelance e iniciou unha andadura por libre no seu propio local, Kepler Estudios. Comezou a traballar no cine e na televisión, estando ao cargo da batuta de filmes como Las brujas de Zagarramurdi o Días de fútbol. Abbey Road non foi a única parada internacional, xa que no 2010 pasaría polos clásicos estudios Grandmaster, Saint and Sound e Ocean Wave de Los Ángeles, durante a gravación do cedé Walkmakers, da banda liderada por Alejandro Gallardo. Sempre acompañado de Sergio Castillo e Franscis Amat.
«Foi unha liberación, deixei de dubidar si valía para isto e entendín que fóra non fan nada que nós non poidamos realizar», quizais por esa madureza foi chamado por Julio Awad para ocuparse do deseño do son de Iba en serio, polo que foi nominado a mellor produtor musical. O produtor de grupos como La Guardia e Burning non dispón dun só segundo, xa que nestes intres prepara o traballo máis recente de Enrique Heredia, Mi tiempo, que contará cunha colaboración con Andrés Calamaro.
Tamén acaba de finalizar un traballo para unha cadea de televisión autonómica que se estreará pronto, así como apostou por artistas de Barbanza como Mar Davila. Pero a morriña ten a súa propia banda sonora orixinal. Por iso tenta volver sempre ó fogar e conserva a antiga maleta coa que desembarcou en Madrid. Para non esquecerse nunca de «aquel soño feito realidade».