O mercado da palabra recalará en Rianxo

BARBANZA

m. f.< / span>

Seis librarías serán o eixo dun programa arroupado por María do Cebreiro, Esther Carrodeguas e o dúo Uxía e Maxín Blanco

19 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde o xoves ata o domingo • Praza Castelao (Rianxo) • De 12.00 a 14.00 e de 18.30 a 22.30 horas • Hai unhas semanas, Ribeira daba cabida a unha feira do libro e, a partir do xoves, serán os rianxeiros os que teñan ocasión de acudir ao mercado da palabra que se instalará na praza Castelao. Seis librarías (Ler, Pedreira, Aenea, Ben, Arigató e Cándido) conformarán un eixo ao redor do cal se desenvolverá un completo programa de actividades lúdicas.

Pregón

María do Cebreiro será a encargada de darlle o pistoletazo de saída á Feira do Libro de Rianxo (xoves, 13.00 horas). A escritora estará acompañada, para a especial ocasión, por Pepe Sendón e Sabela, que interpretarán unha peza musical baixo o título Historias por escribir. Ademais, aproveitará a súa estancia para presentar o libro de poemas Deserto, acto ao que lle seguirá un coloquio ao redor do libro As dúas ourelas, de Xosé Manuel Lobato. Un espectáculo de maxia a cargo de David Méndez e un festival internacional de danza que contará coa participación de KudBarscarsija (Saraxevo) e do grupo Burgese (Sicilia) completarán o cartel da primeira xornada.

«Canta o cuco»

Unha das actividades máis destacadas do programa do venres é o concerto que ofrecerán Uxía e Magín Blanco (21.00 horas). Titúlase Canta o cuco e está baseado en obras de Manuel María. A maiores, os asistentes á feira poderán sumarse a un contacontos de Soledad Fellozas, un taller de braille e unha observación astronómica. Da parte literaria encargarase María de la Paz, que presentará o libro Su mirada acompañada de Cecilio Lago.

Coa Festa da Xouba

Coincidindo cunha nova edición da Festa da Xouba, a Feira do Libro verá incrementada a súa programación o sábado. Esther Carrodeguas falará da súa obra teatral Voaxa e Carmín, a Deputación coruñesa presentará a plataforma ebookdicoruna e os escritores Joaquín González Acuña e José Luis Salamanca presentarán, respectivamente, Mi vida sin ti e Diario de un invierno. A banda Ateneo de Negreira e Roi Casal encargaranse do peche musical.

Despedida

Un obradoiro e un coloquio sobre as hortas ecolóxicas abrirán o programa da última xornada da feira, a dominical. Os nenos poderán participar despois na elaboración dun calendario segundo as tempadas das froitas e hortalizas. Antes do peche dos postos, haberá dúas presentacións literarias: Mamá, mamá... que estoy bien, de Paloma Vilar, e O amor nos escuros días de Brikenau, de Alberto Canal.