«Galicia non só tiña que ser un país punteiro no agro e no mar»

F. R. LAVANDEIRA

BARBANZA

Brea traballa na recuperación da memoria dos creadores locais

28 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A que recende a aldea nutricia? Dirá Brea Rei que a súa, propia e distinta a todas as demais, recende ao pan saíndo do forno na panadaría do avó Manuel; a polbo na de Isolina, na feira do 18; ao Adro en festas e ao rebumbio dos entroidos con Chintófano e o Xeitoso; a incenso nas misas e ao mar de Sosmuíños nos baños exentos do verán. En por min penso que, ademais, naquela Taragoña dos setenta, armada de rebeldía e de transmutación social («Taragoña é Taragoña», dirá unha pancarta para xeral coñecemento), a que se constrúe no mítico persoal da súa mocidade, habíalle ter tamén recendo a transformación intuída pero enigmática, a futuro incitante e ceibe e pode que, incluso, a un algo de medo ensumido en afouteza.

Naqueles anos previos e posteriores á Transición (sancta et virgina), espallouse en boa parte do rural galego un espírito esperanzado de cambio, que hoxe sabemos non foi tan así, e no que participou con especial activismo unha cohorte, senón extensa, si intensa, de mestres e mestras novos, único capital transformador dispoñible. Neste contexto, e na magmática Taragoña daquela, o Brea, home novo, participa nas actividades do lendario, e aínda existente, Centro Cultural e Deportivo, «que afondou a conciencia de país... fomos quen de expor en Campo de Pasos, aínda na ditadura, os debuxos da guerra de Castelao (Atila en Galicia e Milicianos), facer teatro en galego e vibrar no vello local do cine coas letras de Fuxan os Ventos ou Suso Vaamonde. Dende aquela, lingua, Galicia, escola e vida xa nunca deixaron o rego labrado corazón adentro».

Cerne vital

Será precisamente na lingua onde Brea sitúe o cerne vital do país, a esencia que, perdida, será a nosa perdición como pobo, e á que leva dedicada a súa vocación e profesión. «O futuro do galego para min xa sempre vai xunguido aos longos anos de docencia, dende Muros a Vilagarcía, pasando por Taragoña». Sabe que son precisas políticas lingüísticas decididas -xusto as interesadamente ausentes-, a conciencia social que naqueles anos de ilusión contribuíu a crear e que hoxe está tan disipada e, sobre todo, fai falta esperanza e fe en nós mesmos, sen complexos nin complicidades, por parte de todos pero, sobre todo, dos educadores: «Os que levamos traballando anos nas aulas dos institutos coas novas xeracións, temos a obriga de pintar un amencer luminoso, algo de esperanza diante dos riscos do inmobilismo».

Ese compromiso coa lingua e coa terra lévao a exercer, ademais do ensino e a lectura atenta da nosa literatura, o estudo dos creadores locais e a recuperación da súa memoria. Taragoña e Rianxo seguirán a ser un referente. Prepara a edición facsimilar de Charamuscas, revista en galego, manuscrita e ilustrada á man, que Rafael Dieste, Brea Segade e Jesús Romero realizaron e distribuíron entre os soldados en plena Guerra de Marrocos (un dos poucos xestos de cordura nesa -outra máis- colosal estupidez imperialista da España de chapiri e cazalla); a definitiva biografía e obra completa, Un reiseñor canta lonxe. Xosé María Brea Segade. Home e obra (2004), estudo de referencia sobre a vida e obra daquel malpocado poeta. Lorenzo Varela, o Dieste dos anos 20, o dramaturgo -tamén taragoñés- Xosé Otero, a xénese da Escola Rosalía de Castro, de Taragoña, a emigración parroquial na Arxentina, Otero Pedrayo en Rianxo, Manuel Antonio practicando mareas e versos no Constantino Candeira e outros autores e fenómenos literarios e culturais do mesmo período, foron, ou son, obxecto de estudo, análise ou publicación por parte de Brea Rei, tanto en foros e obras especializados, coma en artigos de divulgación xeral.

Entregado ao ensino

Deste esforzo investigador, da observación atenta da realidade galega, sobre todo da local e comarcal, e, sen dúbida, da experiencia de toda unha vida entregada ao ensino e á cultura, Xosé Ramón Brea, preguntado polo futuro que nos agarda, achega unha fina reflexión que non pode ser máis ca compartida: «...Galicia non só tiña que ser un país punteiro no agro e no mar, senón nas novas tecnoloxías e na creación de empresas. Xa sei que con palabras non se come, e que a emigración paira sobre a xente nova coma unha maldición histórica, pero temos pasado momentos moito máis dramáticos e, como dicía o poeta Díaz Castro en Penélope, «traguerán os camiños algún día a xente que levaron». «Necesitamos da esperanza, e tamén da rebeldía, para subsistir coma país».

ILUSTRACIÓN ABRALDES

«Necesitamos da esperanza e da rebeldía para subsistir como país»

«O futuro do galego para min xa vai xunguido aos longos anos de docencia»