Amin non me quedou nada clara a votación do sábado. Supoño que será porque non se me explicou moi ben ou porque eu son de entendemento poliédrico irregular, a mesma xeometría que nos representa no Congreso dos deputados do que saíu o único presidente de goberno que tiña que saír, pero as miñas dúbidas non son as numéricas senón as cromáticas.
O que me suscita máis inquietude é interpretar con que ideario vai gobernar Rajoy este país. Todos sabemos que en Francia goberna o social-liberalismo (PSF), en Alemaña o centro democrático cristián liberal-conservador (CDU), en Grecia unha coalición de esquerdas radical (Syriza), en Inglaterra altérnanse os tories (significado en orixe: ladróns) cos laboristas... Pero aquí e agora, na pel ibérica, é moi complexo identificar se os nosos políticos están máis preto de Adam Smith ou de John Keynes (non é o caso dos populismos), o que resulta preocupante, xa que a ideoloxía é a filosofía fundamental da política.
Do mesmo xeito que todos os cristiáns somos seguidores da doutrina de Cristo, non son o mesmo os católicos e, en certo modo os ortodoxos e anglicanos, que os protestantes subdivididos en máis dunha ducia de ramas. Todos vivimos ao abeiro da fe co mesmo obxectivo de acadar a felicidade eterna, pero baixo disciplinas distintas e transitando por camiños dispares. Así non son o mesmo os pensamentos de Rousseau que os de Max Weber e, porque convén non trabucarnos no futuro, debemos ter moi en conta que a causa fundamental desta nosa crise política estivo na indefinición ideolóxica, comezando polo defenestrado Pedro Sánchez.