Esperando o verán


Relaxados, nun ambiente estival. Hora das confidencias entre amigos. Semellan compañeiros de vacacións, falando das súas cousas, unhas brazadas antes da comida, das cervexas no chiringuito. Conseguiron, durante un tempo, dar esquinazo aos cativos, á familia, que estarán estomballados preto do areal, chapoteando, mergullándose e saíndo verticais cara arriba en pinchacarneiros inconcibibles.

Eles, en primeiro plano, en cambio, fóra do mundo; afastados do ruído, tan lonxe pero tan cerca; coa distancia suficiente que asegura unha intimidade longamente procurada, a través das infinitas singraduras polos océanos do mundo. Non resulta difícil imaxinar os temas da conversa: nadarías seguramente, falar por falar, de nada, de todo, que adoita ser cando un se sente libre verdadeiramente e precisa abrir esa caixa de Pandora das frases sabias, que o único que pretenden é impresionar os amigos, predispostos amablemente a deixarse impresionar.

O mar é un personaxe máis, non dende logo o menos importante; é a escena azul, acariñadora, prateada, onde todo se desenvolve. Lémbralles as aventuras vividas, os perigos pasados, os medos, que agora son apenas recordos distantes, perdidos no fondo onde xacen inertes as metáforas desafiuzadas e irredentas, salvadas in extemis do cemiterio mariño, onde foron parar o resto dos naufraxios dos poetas afogados.

Votación
1 votos
Tags
Comentarios

Esperando o verán