A nena é a protagonista dun vídeo promocional que está causando furor nas redes
07 mar 2017 . Actualizado a las 10:39 h.Mazaricos, ano 2040. Unha novísima alcaldesa -María Senra- diríxese aos veciños ao máis puro estilo Pepe Isbert en Bienvenido, mister Marshall: «Como alcaldesa vosa que son débovos unha explicación e esa explicación que vos debo vóuvola dar». Ao pouco, é interrompida por varias chamadas telefónicas que a avisan da chegada á estación do AVE de Suevos -unha aldea ao pé da estrada Santa Comba-Muros- duns xaponeses que queren instalar unha fábrica de iogures no municipio, dun funcionario que precisa da súa sinatura para cen novas altas no padrón de habitantes ou de alguén da Xunta que ofrece reforzar os servizos en sanidade e educación.
Con este curioso argumento arrinca o vídeo elaborado pola Asociación Cultural EuSonMazaricos e subvencionado pola Deputación da Coruña no que, partindo da realidade actual do municipio, se mostra unha visión positiva e optimista do seu futuro. «Eu non me acordo -denuncia a alcaldesa- pero contáronme que non fai moito dicían que isto quedaría deserto e abandonado, que as silvas subirían polos eucaliptos e o que os gandeiros venderían as vacas. ¡Que agonías eran, de verdade!», relata indignada e cunha sorprendente naturalidade María de Jirra, sobrenome co que se coñece na localidade da Picota, onde vive esta simpática rapaza de 10 anos.
No seu papel de espelida rexedora recoñece que Mazaricos é un concello exemplar no que hai máis nenos que vellos, no que se valorizan produtos como a madeira e o leite e onde todo o mundo quere vivir. «Son a alcaldesa máis agobiada, pero tamén a máis feliz», sentencia ao final da curtametraxe.
Antes diso, fai un percorrido pola actualidade dun concello no que os veciños non pagan a enerxía eléctrica: «Bastante pagamos xa no seu día cos embalses e cos virándolos que nos plantaron no monte», explica a primeira edil dun concello no que hai unha autopista nas Maroñas, no que non se plantan eucaliptos dende hai anos e onde as vacas dan de xeito natural leite sen lactosa ou con Omega 3. Nese 2040 imaxinario, o actual alcalde, Juan José Blanco Riveiro -tamén aparece na gravación- é o presidente da Xunta e Froilán nada menos que o rei. Carmena, con case cen anos, segue a ser a alcaldesa de Madrid, recoñece con asombro a propia María.
Máis de 7.000 reproducións
O vídeo, un dos nove que engloba o proxecto Esencia MZ, está causando auténtico furor nas redes sociais con sete mil reproducións en pouco máis dunha semana. Éxito que, como non podía ser doutra maneira, tamén notou en primeira persoa a protagonista da historia. «A xente pasa por xunto a min e dime ola alcaldesa ou adeus alcaldesa e no cole todos os nenos e profes me felicitaron polo vídeo, que din lles gustou moito», recoñece unha exultante María que, a pesar da soltura coa que se desenvolve diante das cámaras, confesa que de maior quere ser veterinaria: «Isto é moi divertido. Paseino moi ben na gravación pero a min o que verdadeiramente me gustan son os animais e por iso, xa dende moi pequena, tiña claro que quería ser veterinaria para poder coidalos e curalos. Ser actriz é chulo, pero non é o meu».
Se feliz se atopa a cativa pola gran acollida do seu traballo, non menos o están os integrantes de EuSonMazaricos, promotores dunha iniciativa na que estiveron traballando varios meses e na que tamén tivo un papel destacable a creadora audiovisual Carmen Rey, natural do propio concello. «Temos que dar as grazas a todos os que colaboraron con nós, xa non só nesta gravación senón en todas as que fixemos. Se algo nos quedou claro a todos con esta idea é que temos enormes potencialidades que soamente poderemos aproveitar se traballamos en conxunto. Temos que facer o posible para lograr que este vídeo pase de ser unha utopía divertida a una fermosa realidade», apunta a presidenta da entidade, Janet Martínez.