Simbolismos

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

BARBANZA

Vivimos nun mundo ateigado de símbolos. Témolos arredor de nós en todo momento. A veces sabemos descifralos e outras veces non. Son comprensibles ao noso entendemento aqueles que nos afectan máis de preto, os que forman parte directa da civilización que nos toca vivir, os que condicionan os nosos movementos a cotío, como poden ser as luces dun semáforo, as sinais de tráfico, as marcas comerciais coas que identificamos un produto ou as que indican ou determinan lugares, por dicir algúns. A galega é unha cultura milenaria moi viva aínda hoxe, cargada de códigos simbólicos que foron sobrevivindo co paso do tempo pero que chegaron aos nosos días maiormente desprovistos de significación. O simbolismo nas nosas construcións tradicionais, como pode ser o dos hórreos, é un exemplo: por un lado o culto á fertilidade, de orixe pagá, reflexado nos cumios de tipo piramidal do seu teito, en convivencia coas cruces do cristianismo amosan encontros simbólicos que proceden de tempos ben antergos e que apenas sabemos interpretar. Tamén, a simboloxía xeométrica evoluida do círculo (unha das máis antigas representacións do sol) tan abondosa nas nosas aldeas en forma de rosetas, trisqueis, radiais, estelas e moitos outros que aparecen recurrentemente gravados ou debuxados en artesas, mobles, portas, fiestras, pozos, hórreos, lápidas funerarias, igrexas, etcétera, e que non só cumprían unha función decorativa como podemos pensar, senón que son reminiscencias orixinais de cultos anteriores á chegada do cristianismo, que perviviron ao longo do tempo e que o máis seguro é que fosen elementos relacionados coa protección dos nosos lugares máis sagrados. Ás veces mirar con outros ollos déixanos ver moito máis.