Agrandeza ou a mediocridade dos gobernantes non aflora de inmediato -xa lles gustaría, claro está-, senón co paso do tempo. Así cando o primeiro de abril de 1971 comecei a miña andaina laboral no Concello da hoxe mal toponimizada A Pobra do Caramiñal, topeime coa gran sorpresa de que neste municipio, eminentemente mariñeiro e cunha poboación dunhas nove mil almas, contemplaba nos seus orzamentos para camiños rurais unha partida de 300.000 pesetas, a mesma cantidade que no de Carballo, eminentemente rural e no que fixen as prácticas, cunha poboación tres veces maior. Hoxe en día podemos dicir que o axuntamento valleinclaniano ten unha fixación da poboación no rural razoable, mentres que o da capital de Bergantiños dá pena. Salientábel foron os enxeñosos e atinados «vales de gravilla» acuñados polo alcalde, Eliseo Escurís.
Nestes intres, a Xunta está mergullada no desenrolo da ben intencionada Lei 10/2016, de medidas urxentes para a actualización do sistema de transporte público de Galicia, e tópase co vello dilema filosófico de se foi antes o ovo ou a galiña, xa que en moitas liñas había máis autobuses que viaxeiros. A cuestión non é banal, porque as políticas para fomentar os asentamentos poboacionais xa preocupaban no medievo, foron fundamentais na reconquista e mantivéronse durante séculos, como foi o caso das Cartas-Puebla.
Eu coido que neste caso é mellor pecar por exceso que por defecto, se ben as políticas do rural galego teñen que facer un xiro de 3800, como é o caso das leis urbanísticas aprobadas por gobernos de tódalas cores. Nisto cómpre ser pragmático.