Marcos Teira: O alquimista que converte o que toca en flamenco

antón parada RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

C. VILLAVERDE

Este pobrense está inmerso na organización dun concerto en homenaxe a Narf que se estreará o día 30

20 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Un rapaz de 5 anos xoga no salón do fogar, ata que de repente se detén ante o televisor. Aquel reflexo da pantalla en branco e negro que logra traspoñer ao cativo está marcado pola presenza dun guitarrista tocando. Trátase da primeira vez que ve un instrumento e dalgunha forma a fortuna escolleu, para ese amor á primeira escoita, a un dos mellores candidatos posibles. O nome do músico era o de Paco de Lucía e cada un deses acordes suporía escribir un pentagrama nas liñas do destino de Marcos Teira Fernández (O Maño, A Pobra, 1967).

Hoxe, o pobrense é un reputado guitarrista que tocou por decenas de países, participando en proxectos e formacións -Psicofónica de Conxo, Marful- con artistas tan relevantes como Pepe Sendón, Uxía Senlle, Leilía, Rodrigo Romaní e, por suposto, Fran Pérez, Narf. Precisamente, o músico leva inmerso dende maio na preparación dun concerto homenaxe a ese último -Camiñar sen fin, un concerto para Fran-, que reunirá a máis de 40 intérpretes invitados o vindeiro día 30 no compostelán Auditorio de Galicia.

Actualmente, Marcos Teira integra o trío chamado Flamenco Translations, no que adaptan cancións doutros xéneros musicais ao estilo e técnicas do flamenco, algo que caracteriza unha gran parte da súa traxectoria profesional e obra. Pero, ¿a que soaba antes o riscar das cordas?

A clave de sol

O primeiro contacto deste guitarrista co instrumento foi de forma autodidacta aos 11 anos. Un ano máis tarde empezou a asistir ás clases do seu primeiro mestre en Castiñeiras, Francisco Millares, Pachicho. Alí comezou a forxarse entre partituras de Albéniz e Granados. Máis tarde, na Pobra, poñeríase ao servizo do profesor Manuel Ángel Cerqueiras. «Comecei a interesarme por outros estilos, pola guitarra eléctrica o blues e o jazz», precisou Teira. No seu círculo de amizades soaban Leño, Miguel Ríos, Radio Futura... para pasarlle o relevo a xigantes e referentes como Eric Clapton ou Led Zeppelin. No Maño formaría unha das súas primeiras bandas, Cristal Oscuro.

Con 18 anos, e tras rematar o bacharelato no IES Número Un de Ribeira, marcharía a Santiago a estudar estritamente música. Estivo un tempo no conservatorio, pero a rixidez da metodoloxía educativa do momento arredouno dese espazo. Onde realmente se formou foi no Estudo Escola de Música. Así foi como se relacionou con outros artistas e no estéreo empezaban a ocupar as ondas Django Reindheart e Joe Pass. «Aprendín a entender como funcionaba a música», indica.

De forma paralela, formaba parte de grupos de rock como El Arcipreste se Pica, Os que nin Diola e a Psicofónica de Conxo. Tamén recibiu leccións de Xosé Luís Pimentel, co que acabaría creando o dúo Pimenteira. Con el faría a súa primeira viaxe en avión para ir gravar á República Checa. Xuntos, darían concertos durante catro anos por Portugal, Marrocos, Madrid, Barcelona, Suíza e Londres.

Intensa etapa

Dende o 2000 compaxinou a súa participación coa Psicofónica de Conxo -onde estaba Narf- coa explosión do folk que o levou a formar un cuarteto con Quin García, Roberto Somoza e Teresa Xallas que rulou por todo Galicia. «Lembro que aprendín moitas cousas que despois me valeron para adaptar músicas ao flamenco», destacou Teira daquela etapa, na que tamén traballou con Uxía Senlle, Rodrigo Romaní e Leilía.

Aquela «incursión na música popular» acabou por encamiñalo a andar o sendeiro que debuxou Marful en dous discos e oito anos de actuacións. Entrementres, Marcos Teira participou nun dos proxectos dos que se sinte máis orgulloso. Tratouse da recuperación de antigas partituras de cancións populares galegas que se atopaban en bibliotecas de Cuba, a raíz dos emigrantes que viviran na illa. No marco dunha feira do libro, viaxou ata A Habana para representar en directo aquel legado sonoro.

Se algo define ao guitarrista pobrense é o seu cariz prolífico, que nunca lle deu un respiro creativo. Co baixista Mariano Martos curtiríase definitivamente no flamenco e publicaría un libro disco, ademais de impartiren clases en Arxentina e Estados Unidos. E así continúa, transmutando jazz ao son que Paco de Lucía lle confesou no pasado.