A lá polo mes de marzo do ano 2003, alguén publicou un libro que levaba por título ¿Que nos estades facendo?, e subtitulábase Conversas ecolóxicas. Como é de supoñer, falaba de ecoloxía e, por ende, da súa repercusión sobre o cambio climático. A responsabilidade desas conversas ecolóxicas, recaían en dous protagonistas: un deles, chamado Juan Rei, ocuparíase da defensa dos intereses da banda da terra; e o outro, alcumado Roncudo, sería o responsable de defender os da banda do mar. Cos súper poderes de que dispuñan e unha enorme carga de feliz utopía, eses grandes seres, máis que homes, estaban obrigados a loitar contra das distopías.
Por elo, sendo conscientes dos efectos noxentos do cambio climático, ámbolos dous dicían verdades coma estas: «Veráns máis longos, secas máis duradeiras». E tamén estaban convencidos de que se non se lle puña remedio á emisión de gases de efecto invernadoiro, máis cedo que tarde atoparíamos: deforestación, chuvia ácida, mingua da capacidade reprodutora e graves efectos na cadea trófica... E laiábanse da desaparición de animaliños tan preto de nós como lapas, mexillóns, bochos, percebes, ourizos... Das aves e dos paxaros, dos araos, das pardelas, das gaivotas, dos corolicos... ¿Que vai ser deles? Dicían.
Nesas conversas ecolóxicas Roncudo, chorando bágoas inmensas tal que era a súa condición de ser case inmortal, laiábase ante Juan Rei do caso do Prestige: «¿Como puidestes permitir que un petroleiro coma este estivese navegando cunha carga tan perigosa?» E seguía: «Tomades á banda do mar coma un vertedoiro, depositando furtivamente os residuos nucleares na nosa Fosa Atlántica». Así eran as conversas destes persoeiros mitolóxicos aos que, segundo o libro, foron quen de deter, aínda que non puideron reverter, as consecuencias dos gases de efecto invernadoiro. E disimulen se lles digo que, o libro do que estamos a falar, con prólogo de Raúl García, responsable de Pesquerías, e de Juan Carlos del Olmo, secretario xeral de WWW/Adena, foi escrito por min nesta lingua, e pronto o veredes traducido ao castelán.
Puede enviar sus textos a redac.barbanza@lavoz.es