Alberte Pagán naceu no Carballiño. É un recoñecido cineasta, escritor e viaxeiro polas terras máis incógnitas deste planeta camiño da perdición. As súas últimas viaxes tiveron como destino un lugar chamado Somalilandia, as contornas de Ulan Bator, as terras do Transdniéster ou as complicadas repúblicas caucásicas. Non sabemos se algunha vez estivo nas Cíes, na praia das Catedrais ou na Ribeira Sacra, pero soubemos que ultimamente viaxou ás illas Mauricio e ás Reunión. Talvez nunca percorreu a muralla de Lugo, pero estamos seguros que algún día viu a Muralla de China, percorreu o Camiño do Inca ou a Ruta do Che.
Películas
Como cineasta ten no seu haber importantes premios. No ano 2016 recibiu o Premio da Crítica Galega de Artes Visuais. Tamén acadou o Premio ao Mellor Documental Galego por Tanyaradzwa. A súa película Bs. As. (premio Román Gubern de Cine-ensaio) figura na enquisa de 2015 da revista Luzes como a terceira mellor película galega de todos os tempos.
Das súas viaxes ao Sáhara saíu o filme Asahra Hurratun. Logo dunha viaxe pola serra andina e o Amazonas colombiano agromou A realidade, unha aproximación ao conflito armado que se viviu en Colombia durante as últimas décadas. A quem se lhe conte... é unha meditación sobre o drama causado polo Prestige nas costas galegas. Película urgente por Palestina conta a desesperación deste pobo cercado entre os valados erguidos pola intransixencia xudía.
Ensaios
Publicou ensaios sobre o cinema de Andy Warhol, sobre a derradeira novela de James Joyce (A voz do trevón) e sobre as películas de Eugenio Granell. Todos estes textos reflicten os seus coñecementos como profesor de inglés, as súas paixóns artísticas e a súa querenza polos autores de vangarda, aqueles que precisan dunha ollada diferente dada a complexidade dos seus postulados.
Na súa longa traxectoria como cineasta destaca o seu compromiso político, a utilización de «material encontrado» e o intento de socavar a pasividade do público con propostas radicais e esixentes. Dada a súa activa vocación investigadora, na actualidade Alberte Pagán segue a traballar en diversos proxectos artísticos que axiña sairán á luz.