O grupo Ouriol lembra ao poeta Avilés

La Voz

BARBANZA

MARCOS CREO

A voz de Eva Veiga, a música de Bernardo Martínez e Fito Ares, e os cadros de Alfonso Costa integran a montaxe

10 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Mañá • Teatro Colón (A Coruña) • 20.30 horas • Sábado • Coliseo Noela (Noia) • 20.00 horas • O ano pasado conmemorábanse os 25 anos da morte de Avilés de Taramancos. O grupo Ouriol súmase agora a dita efeméride coa estrea do espectáculo O poeta é un cazador alucinado, unha montaxe no que conviven versos, música e pintura. A súa estrea terá lugar mañá no teatro Colón da Coruña, pero os barbanceses tamén terán ocasión de acudir este sábado á función programada pola Concellería de Cultura noiesa no coliseo.

A proposta do grupo Ouriol consiste en renderlle homenaxe ao bardo de Noia mediante un recital multidisciplinar, no que Eva Veiga recita versos mentres Bernardo Martínez e Fito Ares tocan diversos instrumentos. Para redondear a montaxe, vanse proxectando imaxes de obras feitas para a ocasión por Alfonso Costa. Todo xira ao redor dunha escolla de poemas do autor homenaxeado.

Viaxe vital e emocional

Eva Veiga foi a encargada de realizar esta selección: «O que fixen foi unha escolla dos poemas máis representativos da obra de Antón Avilés, para ofrecerlle ao público unha especie de viaxe pola súa traxectoria que, ao mesmo tempo, pretende ser un discurso emocional».

A nivel musical, a particularidade é que os dous artistas que participan na posta en escena improvisan, convertendo cada función en única. Fito Ares fai brotar os sons dunha frauta e dun saxo soprano, mentres que Bernardo Martínez bota man de instrumentos de percusión e de orixinais xoguetes que non deixan indiferente a ninguén.

Segundo explicou Eva Veiga, o grupo Ouriol elixiu a Avilés de Taramancos como eixo dun dos moitos espectáculos que ten en cartel por consideralo «unha das voces máis importantes da poesía contemporánea e un poeta galego fundamental».

As entradas para a función que terá lugar mañá no teatro Colón están á venta na plataforma Ataquilla, mentres que en Noia, o acceso ao coliseo Noela será gratuíto, ata completar o aforo dispoñible.