Un roteiro polas pegadas de Castelao

A.Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

O Concello elaborará un percorrido con lugares de interese vinculados ao autor

29 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Fronte a situacións «dramáticas e excepcionais» que situaron a Rianxo no punto de mira, o rexedor, Adolfo Muíños, volveu destacar onte, no homenaxe a Castelao co que finalizan as xornadas dedicadas ao autor, ao municipio como berce de grandes figuras da cultura galega, por ser o lugar de orixe da Rianxeira e pola súa produción mexilloeira, pesqueira e marisqueira. O acto serviu tamén para que Muíños dese a coñecer a próxima presentación dun roteiro que discorrerá por máis de 30 lugares vinculados a Castelao.

Este percorrido, explicou, incluirá unha sinalización especial con puntos de interese nas rúas e edificios, e a edición de material.

Xeración de galeguistas

O mandatario manifestou que «hoxe máis que nunca debemos aprender de Castelao e dunha xeración de galeguistas; aprender da integridade, da ética, da entrega, da paixón pola política como a arte de facer posible o imposible».

Tamén tomou a palabra o presidente da Fundación Castelao, Carlos Mella, quen asegurou: «Castelao foi o que nos puxo diante dos problemas con 80 anos de vantaxe. O que dixo sigue sendo moderno».

Mella instou aos asistentes a poñer en práctica as ideas do ilustre rianxeiro, ao tempo que manifestou que Galicia está desprezada polo Goberno central, que, dixo, só se interesa polos problemas que afectan a Cataluña e ao País Vasco.