
A asociación cultural, en colaboración co Concello pobrense, tamén realizará unha homenaxe a Anxo Rei Ballesteros
30 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Evolucionar e seguir crecendo. Esa é unha das máximas da asociación cultural Barbantia, que acaba de facer balance de todo o realizado o ano pasado, «onde tivemos máis de trinta e pico actividades en dez meses, e iso é moito», apuntou Manuel Cartea, presidente do colectivo, que tamén destacou que a asemblea anual do pasado venres serviu para que tomara posesión como vogal Pilar Sampedro e tamén para adiantar algunhas das novidades previstas para este 2018. Entre elas destacarán dous eventos moi importantes: a convocatoria do primeiro premio de narrativa infantil Carlos Mosteiro, e unha homenaxe ao tamén escritor Anxo Rei Ballesteros.
Ambas iniciativas, nas que se contará coa colaboración do Concello pobrense, «fannos moita ilusión. Poñemos en marcha un premio na memoria de Carlos Mosteiro, ao que se lle vai dedicar unha rúa e tamén unha escultura. Queremos que este galardón naza con vocación de permanencia», explicou Cartea.
Lino González
Na axenda de Barbantia para este ano tamén está a organización de dúas exposicións que poderían materializarse nos próximos meses. Unha reunirá o traballo de Lino González Rubido, «un debuxante boirense esquecido na prensa compostelá, que ten a súa obra cedida á Cidade da Cultura, e queríamos traela para Boiro», dixo o presidente do colectivo. Por outra banda, estará a mostra Tres do 43, na que se unirán as creacións dos noieses Alfonso Costa, Soledad Penalta e Manuel Romero, «magníficos artistas aos que nos fai moitísima ilusión xuntar no coliseo Noela».
Un gran encontro de escritores que xirará en torno á poesía, e a celebración de novas edicións de Barbantiarte e da Romaría das Letras -que este ano podería cambiar de emprazamento se comezan as obras no pazo de Goiáns-, son outros dos proxectos que se prevé levar a cabo no 2018, e que se compatibilizarán coa organización de numerosas citas editoriais, así como coa coordinación de Café Barbantia e do suplemento cultural A Voz de Barbantia, que se publica mensualmente neste xornal.
Cartea fixo un balance «máis que positivo» deste primeiro ano como presidente da asociación cultural, «que converteuse nun ben BIC. Estamos aí cunha presenza enorme, e a demanda de colaboración con nós é moi grande». Tamén quixo agradecer o importante respaldo da Deputación, e anunciou a intención de asinar un convenio cos concellos da comarca para institucionalizar a súa relación con eles e ter unha certa estabilidade económica. Neste senso, criticou a pouca colaboración da Xunta, aínda que confiou en optar a algunha axuda.