Forma parte do equipo da longametraxe que ten 17 nominacións aos Mestre Mateo
28 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Se importante é saír na gran pantalla, ser un deses rostros que se converten en coñecidos personaxes de ficción, non o é menos formar parte do equipo que se agocha detrás de cada filme, do conxunto de profesionais que compoñen o quebracabezas para que unha historia se transforme nun éxito cinematográfico. Aí, desde a sombra, desenvolve o seu traballo a ribeirense Sara Horta Crugeiras. Ela forma parte do colectivo de artífices de Dhogs, unha longametraxe que opta a facerse con nada menos que 17 premios Mestre Mateo.
Non é a primeira vez que o nome desta produtora ribeirense figura na selecta relación que cada ano elabora a Academia Galega do Audiovisual. De feito, estivo en sete ocasións e mesmo sostivo nas súas mans o prezado galardón catro veces, polas curtametraxes Cicatrices, Unari, 3-1=0 e De amor e cantería. Confésase unha amante dos filmes de pequena duración, pero non dubida en recoñecer que co cine descubriu a que agora é a súa gran paixón. Estreouse neste eido con Dhogs, longametraxe na que participou Pixel Films, a produtora que ela montou xunto cun socio hai case nove anos e que desapareceu o pasado verán, cando os seus promotores aínda non sabían a chuvia de triunfos que lle viña enriba.
Dhogs estreouse o ano pasado no Festival de Cine de Bos Aires, despois participou no FrightFest de Londres, e converteuse no primeiro filme en galego que entrou na selección oficial do Festival de Cine Fantástico de Sitges. As nominacións aos Mestre Mateo son para Sara Horta a culminación dun soño: «Eu non podía imaxinar que a primeira longametraxe na que participaba ía acadar un éxito semellante e sendo ademais dunha produción destas características». Trátase dun filme independente, que foi financiado mediante unha campaña de micromecenazgo, e que tamén innova en outros eidos: «É unha longametraxe de suspense que xira ao redor dunha muller á que lle suceden cousas cada vez máis surrealistas, na que se racha coas barreiras lingüísticas tradicionais», explica a barbancesa.
Con Frida Films
Cando Dhogs empezaba o seu despegue, Sara Horta recibiu unha tentadora oferta laboral que non foi quen de rexeitar: «O meu socio en Pixel Films e eu decidíramos dedicar un tempo á reflexión, para ver en que eido nos especializábamos, pero a min xurdiume a posibilidade de entrar a formar parte de Frida Films, unha produtora de Santiago, e alí me fun». Desta fábrica audiovisual saíron títulos recoñecidos a nivel internacional como María y los demás.
Sara Horta sinala que, nun primeiro momento, se sumou a este equipo para seguir formándose e aprendendo, pero non tardou en decatarse de que quere seguir para sempre vinculada á gran pantalla: «Quero continuar no eido da produción executiva de longametraxes». Podería dicirse que a súa misión é similar á dunha nai: «Do que se trata é de armar un proxecto desde a base, elixindo guionista, director e actores, ao tempo que se procura o financiamento e se deseña a estratexia de distribución».
É un traballo que se fai desde a sombra e que poucas veces acada a sona que vai parella á dos actores e os directores, pero a ribeirense asegura que ten un lado artístico para ela fundamental: «Na man dos produtores está a orixe dos filmes, pois seleccionamos cal vai ser o director e mesmo a historia que se vai contar».
O soño máis inmediato de Sara Horta ten como escenario o Palacio da Ópera da Coruña, onde o vindeiro sábado se fallarán os Mestre Mateo. A longo prazo, vese seguindo o camiño que xa empezou a percorrer: «Quero seguir contando historias, ben como produtora para unha compañía ou ben liderando os meus propios proxectos».