O executivo boirense editou un álbum ilustrado co que agasallará aos escolares
10 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Baia é unha cativa que, percorrendo os diferentes espazos que ten a casa consistorial de Boiro, vai descubrindo que función desempeñan os bombeiros, a Policía Local ou a brigada de obras. Mesmo coñece os cometidos que ten a persoa que desenvolve o seu traballo detrás dunha porta na que figura un letreiro coa palabra alcaldía, como chega a ocupar ese despacho trala celebración das eleccións e como de xeito periódico ten que someter determinadas decisións ao veredicto do pleno. Baia é unha nena ficticia, pero podería ser calquera dos moitos escolares boirenses que cada curso visitan as instalacións municipais. Foi de feito para eles para os que se creou unha historia en forma de libro que agora é o agasallo institucional que o rexedor, Juan José Dieste, lle entrega aos estudantes que se achegan ao edificio da praza de Galicia.
E foi precisamente o alcalde o que tivo a idea de editar este volume: «A miúdo veñen grupos de rapaces e quería que, como recordo, se levaran algo que lles servira para entender mellor o funcionamento dos servizos municipais, que de algún xeito fora un complemento da visita realizada». De desenvolver a idea de Juan José Dieste encargáronse o ilustrador Rodrigo Chao e un mestre, Sergio Somoza. Este último, profesor no colexio Santa Baia, foi quen lle deu forma a un bosquexo inicial en forma de texto: «Eu fixera varias unidades didácticas sobre o tema para traballar cos nenos na aula, polo que me pareceu unha boa iniciativa desde o primeiro momento».
Elixiu o nome de Baia para a protagonista da historia por tratarse da patroa local. «Penso que a mellor forma de ensinar algo é recorrendo a aquilo que temos na contorna, a aquilo co que os nenos se poidan sentir identificados por proximidade», comenta Sergio Somoza. Engade que tentou elaborar un texto sinxelo, que resultara doado de entender por parte dos rapaces e que fora ao mesmo tempo didáctico: «É unha guía moi sinxela». El concédelle importancia á parte ilustrativa do volume: «Son debuxos moi enfocados aos nenos, que buscan atraelos a nivel visual e penso que o conseguen».
Debuxos en ton humorístico
Desa parte encargouse Rodrigo Chao, un ilustrador da localidade ao que tamén lle pareceu interesante a iniciativa, ao tempo que lle supuxo un pequeno reto: «Por tratarse dun tema denso e dun libro dirixido ao público infantil, o que busquei foi recorrer a ilustracións cun marcado ton humorístico. O resultado é unha especie de álbum ilustrado cunha ducia de páxinas: «Tentei facer unha obra que aos nenos lles entrara polo ollos, que lograra captar o seu interese, algo que non sempre resulta doado», explica o debuxante.
Aínda que hai pouco que Unha visita polo concello con Baia viu a luz, a Sergio Somoza, que se relaciona día a día con profesionais vinculados ao eido da educación, xa lle chegaron algunhas impresións e semella que son positivas: «En principio, o libro tivo boa acollida. Aos mestres gustoulles e tamén hai compañeiros que me comentaron que conseguiu enganchar aos nenos, e ese era o obxectivo».
Convencido de que na educación se debe partir de exemplos reais e próximos, que moitas veces pasan desapercibidos, Sergio Somoza mesmo é partidario de que este volume sexa o primeiro dunha serie: «A min si que me gustaría, se desde o Concello se ve factible esta posibilidade, seguir con outros volumes relacionados co municipio». O profesor mesmo ten na mente algunha que outra idea de cara a vindeiros traballos de carácter didáctico que poderían enfocarse aos estudantes boirenses: «Temáticas hai de sobra, desde as praias ata o patrimonio, pasando polas diferentes parroquias que integran o termo municipal».