Todos sabemos que se non nos coidamos ou non facemos revisións médicas periódicas, o noso deterioro vai en aumento acurtando a vida; igual sucede cos coches e con calquera outra máquina. Como dicía Le Corbusier, as casas son máquinas para vivir, e se non levamos un plan de conservación e mantemento, o que comeza por un cano estragado, polo óxido dos balcóns ou polo tellado, acaba arruinando calquera inmoble.
Falamos da seguridade e confort das vivendas, pero tamén da memoria colectiva dun pobo, porque eses elementos que se deterioran por falta de mantemento van ter que ser substituídos por outros novos, industrializados, e sen a autenticidade dos deseñados polos nosos devanceiros hai moitos anos.
É pois un deber individual perante a colectividade, un respecto aos veciños e unha obriga coa historia da cidade manter en debidas condicións a casa na que vive ou na que non vive, pero que é da súa propiedade, evitando accidentes por desprendementos, pero tamén polo ornato público e por manter viva a memoria colectiva, evitando cambiar os elementos auténticos e artesanais por outros industrializados e que podes ver en calquera outra cidade, sen identidade.
Xa hai tempo que todo isto, explicado en termos xurídicos, está contemplado polas leis e regulamentos urbanísticos, pero moitas veces non se cumpre nin os alcaldes o fan cumprir, deteriorándose cada vez máis as fachadas das nosas vilas e cidades. Ese é o espírito das normas de inspección técnica de edificios, que é obrigatoria ao pasar os cincuenta anos, case como ocorre no caso das persoas.