José Luis Ruiz: «Esta etapa de goberno é tempo perdido para o futuro do municipio»
BARBANZA
O concelleiro aposta por unha reactivación dos sectores produtivos e pola mellora da rede de saneamento
07 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.O voceiro do PSOE na corporación de Boiro, José Luis Ruiz Laíño, falou das propostas da súa formación en materia económica e ambiental durante a entrevista realizada no espazo Cita co Concello, na que tamén se mostrou moi crítico co labor do executivo.
-¿Como valora a participación do PSOE nesta etapa?
-Tócanos levar a cabo un labor de oposición, porque así o decidiron os veciños e intentamos fiscalizar na medida do posible, porque non nos facilitan moito as cousas, o traballo do goberno, ao tempo que aportamos as nosas ideas e proxectos para mellorar a vida dos veciños, que é a motivación principal.
-¿Cales considera as liñas estratéxicas?
-O balance débese facer dun período completo, non só deste último mandato. Hai sete anos, os veciños déronlle un apoio maioritario ao PP para que levase a cabo un traballo de mantemento das infraestruturas e de proxección. Foi unha etapa na que todo resultaba favorable para o equipo de Juan José Dieste, que non só tiña maioría absoluta no Concello, senón que tiña noutras Administracións a dirixentes da mesma cor política. Era un tempo para levar a cabo un proxecto de futuro; para resolver os problemas do municipio, pero isto non se fixo. Estamos a vivir situacións que nos deixan perplexos, como o feito de que temos contratempos en materia de saneamento superiores aos que había cando Dieste asumiu o goberno. Deixáronse no tinteiro moitas cousas. Esta etapa de goberno é tempo perdido para o futuro do municipio.
-Afirma que hai máis problemas de saneamento que sete anos atrás, ¿pode precisar?
-Seguimos tendo só unha depuradora, que foi realizada na etapa de goberno socialista. Nada se fixo por dotar ao termo de outra. Ao mesmo tempo, estanse a facer obras para mellorar as redes de saneamento que ocasionan problemas que non existían antes. O executivo debe ser máis dilixente e actuar con maior rapidez.
-A oposición acusa ao executivo de parálise, ¿que opina?
-Cando Dieste tomou posesión no 2011 partía dun labor de oposición previo e quen se fai cargo dunha alcaldía nesa situación xa coñece os problemas e necesidades, polo que debe presentarse ante os veciños cun programa e levalo a cabo. Nos primeiros tres anos houbo unha parálise total e no último ano parece que se quixo xustificar o labor da alcaldía. Nos comicios do 2015, os veciños déronlle unha segunda maioría absoluta e acabamos de vivir un mandato exactamente igual ao primeiro. Non houbo visitas a consellerías nin a ministerios para conseguir inversións. As obras que se levan a cabo en Boiro sufráganse cos cartos dos que dispón o propio Concello, non hai achegas doutras Administracións. Outra vez teremos que ser gobernos progresistas os que poñamos a funcionar o noso municipio.