Xosé Luís Axeitos: O debuxante que derivou en pintor

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

Comezou coas caricaturas, pero agora as paisaxes constitúen a súa gran paixón

10 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Comezou como debuxante, enchendo as marxes dos cadernos coas caricaturas que facía de compañeiros e mestres cando estaba no instituto, pero dun tempo a esta parte, Xosé Luís Axeitos ten predilección pola pintura. Compara aquelas sinxelas ilustracións cos chistes e as paisaxes que madura a golpe de pincel, con traballosas novelas. Amosa estas dúas vertentes artísticas no Liceo de Noia, cunha exposición moi vinculada á terra da que unha vez marchou á procura de fortuna, pero a que sempre quixo regresar.

As rúas da vila medieval, a ría ou diversos recunchos do litoral servíronlle ao noiés de fontes de inspiración pictóricas. No que ás caricaturas se refire, Axeitos colleu como referencia personaxes coñecidos como Xerardo Agrafoxo, Pedro García Vidal, Xan Mariño, Lola Arxóns, Pili Sampedro, Veiras Manteiga, Alfonso Costa, Pío Costa e Soledad Penalta; pero tamén quixo darlle forma ás caras de ciclistas, músicos e mesmo camareiros que, por algún motivo, lograron chamar a súa atención.

Parte das caricaturas que conforman a exposición que pode verse no Liceo foron publicadas na revista que edita esta sociedade, como complemento de entrevistas: «A esa serie engadinlle ilustracións de pintores que pasaron pola entidade, como José Méndez ou Anselmo Lamela, de fotografías expresivas que fun recortando do xornal e de persoas da rúa».

Hoxe é unha afección, pero o debuxo abriulle a este barbancés as portas do mundo laboral. Con 17 anos empezou un curso por correspondencia de caricaturas con José Escobar, o creador dos coñecidos Zipi e Zape, e decidiu poñer rumbo a Barcelona para colaborar con el corrixindo os traballos dos alumnos. Empuxouno nesta viaxe o seu amigo Alfonso Costa: «El marchara un ano antes e convidoume a seguir os seus pasos. O certo é que me sentía con gañas de cambiar de aires e funme coa idea de vivir da arte», rememora.

Cos irmáns Costa

Pero como o creativo non era un sector ben remunerado, acabou dedicándose ao comercio, aínda que nunca aparcou de todo o debuxo, unha afección que pouco a pouco foi derivando cara a pintura: «En Cataluña participei nun feixe de certames de pintura ao aire libre, que alí son moi habituais. Neles coincidía cos irmás Costa, dos que aprendín moito. O certo é que cando estaba eles, eran os que se levaban os premios máis importantes».

Co tempo, o regreso de cada período de vacacións na súa Noia natal converteuse nunha tortura, ata que no 1976, unha oferta de traballo como debuxante nunha axencia de publicidade de Pontevedra se convertía na táboa de salvación de Xosé Luís Axeitos. Anos despois, establecíase en Noia, cun taller de rotulación e deseño gráfico: «Facía moitos traballos para congresos e exposicións, incluso para Santiago».

Ata que se xubilou e decidiu dedicarse de cheo ao mundo da arte que sempre fora a súa gran paixón: «Da pintura é moi difícil vivir, cóntanse en Galicia cos dedos das mans os que o conseguiron, así que agora que teño tempo libre aprovéitoo para iso». De feito, non dubida en recoñecer que sente certa envexa, ou máis ben admiración, dos seus amigos Costa, que si foron quen de unir traballo e afección.

Pero el está disposto a recuperar o tempo perdido: «Busco pasalo ben facendo o que realmente me gusta e animo a tódalas persoas que se xubilen a que fagan o mesmo, a que busquen unha actividade para non quedaren estancados, para que o seu cerebro sigan funcionando».

Aínda que o debuxo foi o seu amor de mocidade, agora Axeitos está namorado da pintura: «A caricatura é moi rápida, a pintura require un proceso máis elaborado e un goza máis».