![](https://img.lavdg.com/sc/RAZ0iUR8Ind5klfzfRwd__xc7to=/480x/2018/07/14/00121531585142294508896/Foto/BL16C8F1_1.jpg)
Un libro reúne as traxectorias dos xogadores máis distinguidos da historia de Ribeira
16 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.«Eu creo que os heroes non morren nunca, senón que se dilúen na néboa á espera de que en calquera momento poidan volver a aparecer». Ou a que alguén os rescate do esquecemento. Iso é exactamente o que fixo Xosé Antonio Ventoso Mariño, dono destas palabras, cos xogadores máis ilustres do fútbol ribeirense. Os irmáns Suco, Fran e José Ramón, Jose María Bello, Tura ou o propio alcalde da cidade, Manuel Ruiz Rivas, xúntanse nas páxinas de Heroes na néboa, un libro que pretende ser unha reivindicación do deporte rei no seu nivel máis local, pero tamén máis apaixonado.
Foi precisamente un dos protagonistas desta obra o responsable da súa existencia. Pepiño, que militou en equipos como o Compostela ou o australiano Sídney, levaban anos pedíndolle a Ventoso que recompilara as traxectorias dos xogadores que son referencia no concello. Pero non foi ata o pasado outubro cando o escritor cedeu á súa insistencia. «Neste mes de xullo cúmprense 50 anos da fundación do Atlético Ribeira e que quixen aproveitar esa efeméride para publicar un libro sobre o fútbol local. Pero que non falase de equipos nin de estatísticas, senón de xogadores», explica o propio autor.
Trátase dunha crónica eminentemente histórica que se nutre de anécdotas vividas polo escritor e de comentarios dos propios xogadores, e que abrangue dende os anos 30 ata pasados os 80. Dende Montes ata Fran González, pasando por Sarasquete, Vilas e quizais a tríade máis coñecida: Suco I, Tucho Sampedro e Jose María Bello, recollendo un total de 19 personalidades en outros tantos capítulos que Ventoso Mariño considerou que marcaron unha época. Aínda que o escritor ribeirense puntualiza: «Non son todos os que están, pero están todos os que son».
Máis alá do concello
O fútbol local forxou as súas lendas con nomes propios que, non nacendo en Ribeira, pasaron a formar parte do imaxinario colectivo da cidade. É o caso do porteiro de orixe venezolana Franklin Alleyne, que triunfou no Racing de Ferrol a finais dos anos 50. «Era compañeiro de equipo de Suco e as veces que veu xogar aquí causou sensación. A xente seguíao pola rúa. Fisicamente impresionaba, pero ademais tiña unha simpatía natural encantadora», conta Ventoso Mariño.
Franklin ten un lugar especial reservado no libro. Ó igual que Chacho, un futbolista murciano de Primeira División que, de visita para coñecer a cidade, se veu enfundado na camiseta do Atlético Ribeira por un día. «A directiva abordouno no medio dunha mariscada e pediulle que xogara esa mesma tarde. Sorprendentemente, aceptou e, por suposto, deu unha lección de fútbol», apunta o escritor.
Heroes na néboa quere ser, en boca do autor, «unha aprendizaxe para todos os mozos que queiran ser coma os protagonistas do libro. Porque eu creo que se algún xoga ben, ha de triunfar, aínda que viva no medio do deserto». Pero non deixa de erixirse tamén coma un recordo nostálxico do fútbol de antano e unha crítica, máis evidente que encuberta, ao chamado fútbol moderno. «Para eses xogadores a maior alegría era chegar a Ribeira e disputar o partido das festas para que o viran a súa familia e os seus amigos. Ese acto no que o fútbol era unha cerimonia onde se compartía o éxito e o fracaso ca comunidade, neste caso coa xente do concello, agora deixou de existir», afirma Ventoso Mariño. Quizais esa forma de vivir o deporte tamén se manteña na néboa á espera do momento para rexurdir.
Crónica histórica. «Heroes na néboa» recolle ata 19 lendas do fútbol ribeirense dende os anos 30 ata pasados os 80, así como outras personalidades que marcaron a historia do deporte rei na cidade.
Efeméride. A publicación do libro pretendía coincidir co 50.° aniversario da fundación do Atlético Ribeira, que tivo lugar durante as festas de Aguiño na honra da Virxe do Carme.