Non quero parecer antigo, pero si tradicional, porque a tradición é o que reforza a identidade dun pobo para un futuro certo. Dáme pena cando vexo que lle chaman post a unha publicación, porque este sería un newspaper cheo de posts. Poderiamos chegar á páxina de pasatempos e ler hobbies, e na sección de compras chamariámoslle shopping. Cando haxa unha modificación da aparencia do xornal alguén dirá que mudou de look -tamén pasa coa roupa ou peiteado- e referirémonos a ela como outfit.
Os informáticos xa falan de facer un backup cando, en realidade, fan unha copia de seguridade, e cando crean un contrasinal chámanlle password. Case que temos perdida a batalla con todo o relacionado coa informática, pero espallamos os anglicismos a (case) todo o que facemos: chamámoslle coaching a un asesor, cando negociamos unha franquía comercial cóbrannos un canón pola experiencia, pero chámanlle knowhow, cando facemos real un rexistro de entrada ou de saída, chamámoslle check in ou check out, e cando vemos algo de moda, chamámoslle in a secas. Xa queda moi lonxe cando a un bocadillo lle comezamos a chamar sándwich, e por riba as academias da lingua van metendo todos estes termos no dicionario, imos perdendo fol, tamén identidade propia.
Pero o colmo, para min, lévao o autorretrato, ao que hai pouco estamparon como selfie (faino ti mesmo). ¿Imaxinamos a Goya facéndose un selfie en óleo? Non sei cal será a moda post selfie, porque post significa logo (despois), véxase, posmoderno, posvacacións, posterior.
Co agradable que resulta pedirlle a alguén que che faga unha foto.