Accesibilidade ¿universal?

Laura Novelle BUZÓN DEL LECTOR

BARBANZA

15 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

L eo con estupor neste xornal que a concelleira ribeirense Esther Patiño considera que unha avenida do concello ao que ela sirve non require melloras de accesibilidade porque «aos das cadeiras de rodas sóbralle por onde ir, sen ter que ir por esa rúa». Que a persoa responsable dun departamento municipal público que inclúe Servizos Sociais (xa que logo, tamén discapacidade e dependencia) pronuncie estas palabras resúltame anacrónico e irrespectuoso.

Quero pensar que a señora Patiño non sabe o que é ser unha persoa con mobilidade reducida (PMR). Voullo explicar eu, que teño un 70 % de discapacidade física e importantes limitacións desde que me deron a vida. Non sabe o que é ter que depender doutros para desprazamentos no día a día. Non sabe o que é ter que elaborar rutas alternativas sen obstáculos para poder facer calquera actividade cotiá antes de saír da casa. Non sabe o que é ter que clasificar os bares, restaurantes ou propostas de lecer entre posibles ou improbables. Non sabe o que é ter que quedar fóra dalgúns establecementos porque teñen chanzos ou desniveis (é bastante violento ter que pedir os produtos dese xeito, coma se eu fose un animal doméstico).

As persoas con mobilidade reducida xa temos moitas limitacións, e ningunha escollida por nós. Se eu quero ir por una rúa de uso público, teño dereito a utilizala en igualdade de condicións que o resto dos transeúntes. Para iso está a política municipal, para facer máis cómoda, igualitaria e accesible a vida de toda a cidadanía, teña ou non mobilidade reducida. Pero ademais, resulta que a min ninguén pode impoñerme límites, máis que a miña discapacidade.

Só desexo que Esther Patiño nunca se vexa no transo de ter a súa mobilidade reducida de xeito temporal por algunha circunstancia. Ou si. Porque entón, igual descubre que a accesibilidade universal é un dereito, non unha opinión. Laura Novelle. A Pobra do Caramiñal