
O técnico é testemuña do abraiante pulo que está a experimentar o bloque de mulleres de San Lázaro este curso
03 abr 2019 . Actualizado a las 19:10 h.Juan Manuel Moreiras Ríos, máis coñecido como Banana no mundo do fútbol, é o adestrador dun bloque que, en menos dunha temporada, multiplicouse en número, compromiso e calidade para consolidar o que pode converterse no gran proxecto do fútbol feminino en Noia. Este conxunto, que comezou a competir en fútbol 8, disputou o domingo a ida de oitavos de final da Copa do Sar, impoñéndose ao Carreira por un 2-1.
-Como comezaron o proxecto?
-Nun principio queríamos facer equipo se chegaba a constituírse a liga de fútbol 8, pero houbo un malentendido e acabamos empezando case ao inicio desta. Lembro que nos reunimos un luns e contabamos cunhas 10 rapazas, algunhas que nunca xogaran ao fútbol. Foi case un lóstrego. Non fixemos pre temporada e non tiñamos nin porteira. O primeiro encontro perdemos 4-2, con tan só catro días adestrando. Pero fóronse sumando futbolistas que xogaran anteriormente noutros equipos e pouco a pouco chegamos á data de hoxe, con 23 fichas e tres xogadoras sen ela que se están a preparar con nós.
-Cal foi a clave deste pulo?
-É sinxelo. A clave de todo este éxito é delas, sobre todo das que formaron o equipo dende o comezo como Susana, Mari, Olaia e Lucía. Foron avisando á xente e remarcando que isto ía en serio. Outro dos factores que fixeron isto posible, pois adestrar a 25 rapazas é complicado, foi que M. J. estea a preparar ás porteiras. Ademais, teñen un grupo incrible, cun moi bo ambiente que une a rapazas de 17 anos con mulleres de 40.
-Como foron evolucionando os adestramentos co cambio de disciplina ao fútbol 11?
-Adestramos dous días á semana sempre a fútbol 8, pero cando somos moitas facemos fútbol 11. Notouse a diferenza na capacidade física, xa que no primeiro pódese entrar e saír do campo sen límites, mais levamos unhas tres semanas centrándonos no segundo, de cara á Copa do Sar. As xogadoras cada vez collen mellor posición táctica e asimilan conceptos como o control e a reserva de enerxías ou a saída do balón. Ás veces é complicado cadrar entre estudos, traballo e familia, pero todas adoitan a cumprir sempre.
-Cre que este pode ser o piar do fútbol feminino noiés?
-Si, xa que no fútbol sala tamén se está armando un equipo feminino. É importante porque non é o mesmo ter o equipo preto da casa que cando acabas como cadete e tes que marchar fóra a outro conxunto como o Boiro, o Aguiño, o Carreira... etc.
-Competirán na segunda división feminina o vindeiro curso?
-Está clarísimo, só pola cantidade de rapazas que temos. Tamén manteríamos o conxunto de fútbol 8 para as que acaben de incorporarse e así funcione como un trampolín ao de fútbol 11.
-Como se viron contra o Carreira?
-Ben. Xogáramos só un partido desta modalidade co Boiro e, a pesar de que perdemos, creo que tamén aguantamos ben. Sen embargo, os resultados son o de menos, o que de verdade quería é que se adaptaran ao formato do fútbol 11 e están a facelo.
-Podemos falar de obxectivos?
-É complicado. Antes vían o fútbol como unha afección, pero o de gañar xa lles vai gustando. Ao comezo era todo unha incógnita, pero de xogar para pasalo ben chegamos a ser terceiras na liga.