Dous modelos

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

06 jun 2019 . Actualizado a las 21:43 h.

A piques de comezar unha campaña electoral temos que estar preparados para escoitar as ofertas que nos van facer para os nosos concellos. As máquinas políticas levan algún tempo rematando os traballos previos para seducir aos cidadáns, tanto as máquinas da propaganda como as máquinas de rodas ou cadeas.

Namentres os candidatos máis conscientes falarán de educación, patrimonio e cultura e presumirán da recuperación da nosa historia, outros encherán o rural de asfalto ou inaugurarán faraónicos edificios e agorafóbicas explanadas de cemento, dignas candidatas dos concertos das ruidosas orquestras e do botellón.

O problema non é que o candidato crea que ese é o camiño a seguir, senón que as masas que os votan pensan que o camiño correcto é ese; é máis, moita xente di que un rexedor que non fai cousas grandes «é un alcalde que non fai nada», ignorando que manter o patrimonio completo dun concello é un inmenso traballo de cirurxía, semana a semana, pero parece que nada se fixo. Hai unha analoxía coa restauración arquitectónica, porque un bo arquitecto restaura sen que se note que pasou polo edificio, namentres os arquitectos que queren saír nas revistas fan egoístas alardes de enxeño, estragando o edificio orixinal.

Aos cidadáns tócanos elixir: políticas que cubran o rural cun manto negro de asfalto, estragando as escorrentas naturais creadas polos devanceiros e desprezando o patrimonio natural e cultural, políticas que odian as árbores e que presumen de cortalas. Ou pola contra, apostar por humildes políticas de mantemento e orgullo do que temos, en boas condicións.