Non sei vostedes, pero a nosa horta escacha coma se fose unha centola ben chea, dando todo o bo que ten a terra despois dun par de meses de bos regadíos. Chega finais de agosto e principios de setembro e volvémonos vexetarianos, pero non por vocación ou por convicción: somos vexetarianos por acumulación. É unha batalla diaria contra a maduración, retirando hortalizas de cestos de vimbio que nunca dan baixado, como as bandexas de cigalas das vodas decentes.
O outro día, nun restaurante, o camareiro ofreceunos con voz suxestiva unha ensalada de «tomates da nosa horta». Berramos un «non!» tan expresivo e coordinado que o pobre do home asustouse, e engadiu explicativo e case caritativo: «É que hai xente que non ten».
Non sei onde! O Barbanza e o resto de Galicia é nestes días un ir e vir de familiares e amigos cargados de pementos, berenxenas, cogombros, tomates, porros (dos vexetais), fabas, xudías, repolos, leitugas, cenorias, uvas… Como cando chegan as fontes de cocido no inverno, poñémonos todos serios na procura de destinatarios aos que repartir packs de ensalada, coma se fose un problema real. No destino deste tráfico mergullado temos o máis sincero indicador de quen son os nosos seres queridos.
Temos a cociña transformada nunha factoría conserveira cun nivel de produtividade que xa quixeran para eles Luis Escurís e Jesús Alonso. E cando á altura de febreiro abra un bote deste tomate delicioso, chegarei á conclusión de todos os anos: este é o único contrabando que Galicia nunca debera ver desaparecer.