Os xenes da pobreza

Francisco Ant. Vidal
Francisco Ant. Vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

MATALOBOS

14 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Se a pobreza se transmitise por vía xenética, de pouco nos ía valer estudar, progresar no traballo ou esforzarnos por mellorar as condicións sociais e culturais do noso entorno sen ter á man un xarope para modificar o xenoma. Non, a pobreza non é hereditaria, pero si o son os perniciosos efectos da súa condición, segundo apuntan uns investigadores da universidade de Northwestern. Non se cura con medicinas senón con políticas sociais. E nós, sen saber nada de bioquímica, desde tempo inmemorial xa recibiamos por vía oral consellos e consignas para prevela. «Quen de mozo non traballa de vello dorme na palla».

Vaia por diante que a pobreza non é vileza (di outro refrán), pero ninguén quere ser pobre. E aínda diría que máis de un preferirá ser do segundo antes ca do primeiro, pois é verdade evanxélica que entra antes un rico pola porta dun supermercado ca un pobre pola porta dun asilo. Así, na orde dos medos e dos remedios contra este mal secular o refraneiro advirte de mil maneiras para que teñamos sempre un peso con que pagar ó médico, outro para gañar un preito e un máis para ser enterrado como Deus manda. Está visto que os refráns non cren moito na caridade nin na solidariedade e por iso recomendan o esforzo persoal: Baguiño a baguiño fixo a vella un pipo de viño.

A experiencia está aí, se non en nós (que aquí ninguén presume de pobre) si nos nosos antepasados, porque nalgún intre a necesidade azoutou a alguén que logo deixou un consello como consigna apocalíptica para fuxir dese andazo que vén cando menos se espera, que fomenta o traballo duro, a insolidariedade laboral, a comparación salarial, a cobiza e ata a envexa como remedios de menciñeiro. Un andazo contra o que todo tipo de políticos modernos e antigos, pretenden convencernos cada catro anos de que teñen a solución para erradicala; pero ese virus non da pasado, porque o mal maior da pobreza non é a privación senón as consecuencias con que se acompaña.

Sabemos por experiencia cotiá como responde o noso corpo ás carencias alimenticias e de hixiene con doenzas de todo tipo, desde o raquitismo ata a diabetes e asemade, segundo a opinión dos citados expertos bioquímicos, todo iso, ó largo de máis ou menos xeracións vai producindo mutacións xenéticas que deixan as súas marcas no mesmo cerne das células do pobre en forma de enfermidades hereditarias. Explican os sabios da universidade de Northwestern que asemade, a deficiente economía lastra a educación, a formación e o benestar arrastrándonos pola melancolía e a depresión, o cal non só colabora a modificar conductas e ideoloxías que logo lle transmitimos ós nosos descendentes, senón que tamén modifican un dez por cento de xenes que, sen ser específicos da pobreza son consecuencia dela en forma de enfermidades hereditarias das que non se libra ningunha fortuna.

Aí está o mecanismo polo que o noso corpo lembra esas experiencias e as transmite como algo máis ca unha advertencia contra os males padecidos polos nosos antepasados; ou peor aínda, como unha maldición bíblica que nos obriga a dicir que Deus non ten piedade, ó permitir que se grave no mesmo núcleo das nosas células a acta notarial que nos fai herdeiros dos efectos nocivos da pobreza pasada por moi ricos que hoxe sexamos.