Deixarse levar

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTA O MAR

BARBANZA

21 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Acabo de pasar por unha racha de traballo dun ano enteiro sen parar. Foi tan emocionante como esgotador, pero, finalmente, o traballo foi cumprido e agora podo retomar a miña vida normal, sexa o que sexa iso.

Deixo que a miña cabeza se volva abrir de novo ao mundo, e estou como un neno que lle volve prestar atención a todo. Todo me interesa, quero lelo todo, facer todo o deporte do mundo entre chuvasco e chuvasco e escribir ducias de novelas.

Vivimos nun tempo que se chega a valorar o exceso de traballo case como unha virtude, e non podemos estar todos máis trabucados. O descanso, o deixarse levar, o ter tempo para estender a túa curiosidade a outros ámbitos, o poñerse a mirar o mar sen presas, é tamén parte do traballo. Os seres humanos precisamos o xogo como xeito de aprender.

Cando somos pequenos, xogamos con xoguetes ou con outros nenos. Cando somos maiores, xogamos con libros, con viaxes ou con cañas na barra dun bar. Pero o tempo libre, o camiñar sen rumbo, o ter aberta a cabeza a coñecer persoas, ideas ou músicas, é a garantía do futuro.

Non hai ningún campo que non se esgote ao cabo de varias colleitas. Cómpre abonalo para conseguir que recupere o seu vigor e faga medrar de novo o millo vizoso e máis o trigo. A nosa cabeza é igual: se só producimos, se só nos especializamos nunha tarefa na que somos bos, acabamos por ser repetitivos e limitados.

Ao final, cando xa non servimos, alguén nos tira ao lixo. A mellor forma de medrar é saír do camiño de cando en vez e deixarse levar.