«Para a fotografía, ao igual que para a música, hai que ter un don especial»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Leva subidas 2.600 instantáneas a Instagram, onde ten uns 6.500 seguidores

28 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Que tiña calidades para a música era de sobra coñecido, pois é o baixo dos máis jrandes, ademais de integrar a banda The Lákazans, pero seguro que non todos sabían da faceta como fotógrafo de Fran Velo. Primeiro destapouna en Instagram, onde posúe unha conta na que ten colgadas unhas 2.600 instantáneas, e logo confirmouna coa exposición que montou no centro social de Boiro, para a que seleccionou vinte imaxes. Aínda que a súa ferramenta é un teléfono móbil, non son instantáneas feitas ao azar, senón que para boa parte delas busca as paraxes máis axeitadas, a poder ser no territorio barbancés, e ten en conta factores como a incidencia do sol.

A afección pola fotografía latexaba neste boirense moito antes de que entraran en acción as redes sociais. De feito, cursou os estudos de Imaxe e Son na Coruña e, desde finais dos 90, compaxina a música co mundo da televisión. Mesmo lembra que chegou a participar nun obradoiro que se impartiu en Ribeira: «Daquela empregábamos o sistema analóxico e mesmo tiñamos un laboratorio para o revelado, pero supoño que algo me foi quedando».

Predilección polos anoiteceres

Coa aparición das redes sociais, a súa paixón estoupou: «Como no traballo me paso o tempo rodeado de xente, cando teño tempo libre gústame illarme, irme para o monte ou para a praia a camiñar». E empezou a aproveitar eses paseos para encher de contido a súa conta de Instagram: «Vou mesturando historias da miña actividade profesional e do grupo con fotos, feitas sobre todo en Barbanza».

De todas as que leva feito, quédase cunha estampa que inmortalizou o 13 de decembro do 2018 na punta de Couso, no litoral de Ribeira: «Considereina o meu regalo de aniversario por parte do universo». É un anoitecer, para el, a hora máxica: «É un lugar ideal para estar, escoitando a forza do mar que rompe contra as pedras, e tamén para fotografar, porque a illa Corbeira constitúe un elemento que dá moito xogo, xa que o sol se pon xusto por detrás dela».

O boirense tamén visita con frecuencia monte Louro: «No verán o sol ponse xusto por detrás da montaña e no inverno cambia un pouco a posición cara o sur». Completa a súa elección con imaxes de gando salvaxe que adoita facer na serra de Barbanza e mesmo con autorretratos: «Funme equipando cun disparador e cun trípode porque me gusta facer fotos nas que aparezan persoas, pero non me atrevo a dicirlle a ninguén que pose para min, xa que non son fotógrafo e o meu equipo é un teléfono móbil, non unha cámara profesional».

Difícil de explicar

Na colección de Fran Velo tamén hai imaxes vinculadas cos Heredeiros da Crus, aínda que sempre sacadas antes de que comecen os concertos: «No escenario déixolle isto aos profesionais claro está, ademais alí eu teño que dedicarme por completo á música». Asegura que, en certa medida, fotografía e música teñen similitudes: «As dúas disciplinas nacen desa parte creativa que ten o cerebro. Para a fotografía, ao igual que para a música, hai que ter un don especial, algo que resulta difícil de explicar. É importante educarse, coñecer as regras, pero hai que nacer con algo. Eu penso que teño ese algo, aínda que para outras moitas cousas son un torpe».

Recoñece que a exposición de Boiro e a boa acollida que está a ter constitúe un pulo para a súa faceta de fotógrafo, aínda que, como ben di, el xa está no escaparate máis grande que pode haber, que é Instagram: «Alí todo o mundo pode ver as miñas instantáneas, teño de feito 6.500 seguidores e procuro subir polo menos unha imaxe cada día». Si agradece chamadas como a que recibiu do centro social boirense, porque contribúen a promover a fotografía: «Eu coas redes sociais estou saciado, pero si que son iniciativas curiosas e todo o que veña á rede é peixe».