Camilo

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

19 dic 2019 . Actualizado a las 10:52 h.

Esta semana o maldito tempo levounos a Camilo de Dios, o último guerrilleiro vivo de Galicia. Coñecino aínda o 14 de abril deste ano, e impresionoume. Era un home dedicado a dar testemuña, sabedor de que o tempo que lle quedaba servía para unha cousa. Ao participar en actos, el facía presente un tempo e un recordo, e lembrábanos que todos aqueles feitos sucederon hai apenas catro días.

Souben bastante da súa historia: tráxica, ás veces contraditoria, difícil. Escoiteino e decateime da súa sensibilidade. Faloume de pequenos detalles, e neles non había xenreira nin odio. Pero tampouco derrota. Dalgún xeito, Camilo de Dios seguía sendo un resistente disciplinado.

A súa vida, a da guerrilla ourensá, queda moi lonxe do Barbanza, pero non tanto; cando un consulta a base de datos do proxecto Nomes e Voces, da USC, atopa máis de seiscentos represaliados polo franquismo que eran veciños de Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo, Porto do Son e Noia (só na Pobra foron máis de duascentas persoas!). E hai moitos máis difíciles de rastrexar. Xente que padeceu as consecuencias dun alzamento militar en termos persoais e familiares.

No medio da serra aínda se conservan cruces de pedra de fusilados con mortes horrendas, cazados coma cans nese corazón do noso mundo que é a serra do Barbanza. Con tanta dor, no Barbanza teceuse un manto de silencio que desculpo, pero faime tamén valorar máis a homes como Camilo. Porque hai que ser moi valente, moi testán e moi bravo para non querer esquecer.