Despois de varios anos case desaparecida, a comitiva que conta cun século de historia regresa arroupada por un cento de veciños para ofrecer varios desfiles
21 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Os Entruideiros de Arcos volverán a ser os protagonistas do carnaval de Mazaricos. Despois de varios anos nos que a súa presenza se reduciu a unha breve actuación no festival municipal, a comitiva percorrerá de novo o municipio e representará o seu espectáculo na feira da Picota de mañá. De feito, o medio cento de integrantes da comparsa levan semanas ensaiando todo o relativo á coreografía do desfile, os bailes e as coplas que interpretarán nesta vistosa celebración que, segundo os estudosos, ten máis dun século de vida e que incluso garda certas semellanzas coa que se celebra na localidade ourensá de Laza, declarada de interese turístico.
«Senón temos saído máis veces -foron apenas media ducia no último medio século- é precisamente polo moito traballo que da poñer todo a andar e, sobre todo, pola falta de xente. Este ano incluso viñeron persoas de fóra da parroquia botar unha man, porque senón é imposible», explica Manuel Rodríguez Beiro, presidente da asociación de veciños O Souto e un dos responsables de que esta tradición non se teña perdido. Como tamén o son Manuel Pérez, coñecido como Oleiro, e Dolores Silva, Lola de Xinzo, que se encargan de toda a loxística que leva aparellada esta peculiar forma de celebrar o carnaval.
Lola, por exemplo, é a encargada de axudar a vestir aos que forman o Exército dos Panos, un dos tres grupos que forman o entroido de Arcos e o único no que os seus membros desfilan a cara descuberta. De feito, fano levando os ombreiros e antebrazos cubertos por uns vistosos panos e a cabeza tapada por un rechamante sombreiro adornado con plumas e pequenas pezas de bixutería. Á súa fronte está o abandeirado que anuncia en cada localidade a chegada do grupo e que precede ao xeneral, montado a cabalo. Detrás del desfila unha parella da Garda Civil e o groso do exército.
Suma de forzas
Os outros dous grupos son o Coro dos Vellos e o Coro dos Cegos. Os primeiros representan a parte cómica da festa, van coa cara descuberta e dedícanse a cantar, bailar e, sobre todo, mofarse do público. Os cegos, pola súa parte, son os encargados, mediante coplas e cantares satíricos, de realizar a crónica do acontecido durante o ano e de pedir a esmola. No grupo tamén hai unha representación de oficios como o de médico, limpabotas, fotógrafo ou veterinario.
Coordinar todo este continxente humano -este ano van participar de xeito directo cerca dun centenar de persoas entre os 60 que desfilan e os que se encargan de toda a loxística necesaria- non resulta un tarefa sinxela, tal e como recoñecen dende a entidade O Souto. «Uns ensaian no recinto feiral da Picota e outros aquí no local social da Curra. Incluso hai xente que traballa na súa casa reparando material que utilizamos ou preparando os sombreiros ou os panos», explica o seu presidente.
Son precisamente os panos un dos elementos máis valiosos e vistosos deste particular entroido mazaricano. Algúns dos que se utilizan no desfile teñen preto de medio século de vida e outros foron adquiridos recentemente pola asociación de veciños. «Dende a asociación compramos dez o ano pasado e gastamos máis de 3.000 euros. E iso que algúns aínda están pendentes de bordar», explica Manuel Pérez Fernández, un dos integrantes do exercito dos panos e dos garantes de que esta tradición non se perda. Engade: «Cada vez é máis complicado, porque a xente na parroquia vai a menos pero non podemos permitir que esta celebración tan particular se perda».
A punto estivo de pasar e so o traballo de toda a parroquia no ano 1993 -levaba 40 anos sen celebrarse- permitiu recuperar unha tradición da que moitos escoitaran falar, pero que poucos tiveran a sorte de ver en directo.
Calendario. Os Entruideiros estarán mañá na feira da Picota e pola tarde, nunha festa no multiusos municipal. O domingo, a comitiva visitará diversas parroquias do municipio. As saídas deste entroido concluirá o 1 de marzo, cando animarán a vixésimo segunda edición da Festa do Bolo do Pote.